Rianxo, Boiro e Porto do Son en nivel medio. O resto da comarca nivel medio baixo

Sanidade establece o nivel máximo de restricións nos concellos de Ordes e Monforte de Lemos

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou está mañá en rolda de prensa, das decisións adoptadas polo comité clínico, na que se acordou o establecemento do nivel máximo de restricións nos concellos de Ordes e Monforte de Lemos.

Acompañado polo xerente do Sergas, José Flores; a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o membro do comité clínico, Pedro Rascado; o titular de Sanidade remarcou que a situación epidemiolóxica de Galicia continúa rexistrando unha “lixeira melloría”, seguindo coa boa evolución das últimas semana.

Con todo, García Comesaña explicou que esta evolución “é desigual por concellos”, lamentando a previsible repunta de novos gromos nos próximos días, por mor das pasada ponte, e a celebración de festas patronais nos distintos municipios galegos. Por este motivo, e tras avaliar a situación epidemiolóxica do conxunto de concellos galegos, o grupo de expertos que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia, acordou establecer o nivel máximo de restricións nos concellos de Ordes e Monforte de Lemos.

Ademais, fixou o nivel alto de restricións para os concellos de Fisterra, Laxe, Muxía, Betanzos, Cee, Sada, Camariñas, Vimianzo, Carral, Cerceda, Pontedeume, Ares, Cariño, Melide, Trazo, Rábade, Castro de Rei, Meira, A Pastoriza, O Saviñao, Pantón, Sober, O Barco de Valdeorras, Viana do Bolo, A Rúa, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, Nigrán, O Rosal e A Cañiza.

As medidas do nivel medio rexerán nos municipios de A Coruña, Zas, Coirós, Corcubión, Carballo, Ponteceso, Oza-Cesuras, Cambre, Culleredo, Oleiros, Arteixo, Cabana de Bergantiños, Malpica de Bergantiños, Miño, Fene, Narón, Cabanas, Mugardos, Ferrol, Santiago de Compostela, Rianxo, Boiro, Silleda, Santa Comba, Oroso, Porto do Son, Outeiro de Rei, Chantada, Lugo, Begonte, Allariz, Xinzo de Limia, A Veiga, Ourense, O Carballiño, Verín, A Lama, Marín, Catoira, Caldas de Reis, Pontevedra, Sanxenxo, Poio, Soutomaior, Bueu, Vigo, Gondomar, Salceda de Caselas, Pazos de Borbén, O Porriño, Ponteareas, Redondela, Arbo, As Neves, Tui e Tomiño.

Os resto dos concellos galegos sitúanse en nivel medio baixo.

Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do vindeiro sábado, 28 de agosto.

Avance do Plan galego de vacinación

O responsable de Sanidade fixo un “balance positivo” sobre como se está a desenvolver o Plan galego de vacinación. Neste senso, detallou que na xornada de onte vacináronse preto de 33.000 persoas, con idades comprendidas entre os 12 e os 13 anos.

Ademáis, especificou que o Servizo Galego de Saúde xa leva administradas 3.920.643 doses, e que 1.926.473 galegos xa contan coa pauta completa de vacinación. Así, o 95,2% da poboación maior de 40 anos xa conta coa pauta completa de vacinación contra a covid-19. García Comesaña lanzou un chamamento especial ás mulleres embarazadas, lembrando a conveniencia de vacinarse, e indicando que poden solicitar a súa cita a través do número de teléfono 981 215 930.

Pola súa parte, o xerente do Sergas, José Flores, repasou os datos da presión asistencial dos centros sanitarios galegos. Sobre este particular, explicou que “os números continúan a mellorar respecto da semana pasada”, ao tempo que lamentou o número de persoas mozas que están ingresadas.

Respecto de situación epidemiolóxica en Galicia, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, apuntou que “continúa a mellorar”, ao descender os datos de incidencia acumulada tanto a 14 como a 7 días. Nomeadamente, a incidencia acumulada en Galicia a 7 días sitúase en 145 casos por cada 100.000 habitantes e, na súa evolución a 14 días, fica en 325 casos. Estas cifras, representan senllas baixadas do 12,7%, e do 21,9%, respectivamente, en comparación coa semana pasada.

Ademais, salientou Durán, o número reprodutivo instantáneo “segue a manterse por debaixo de 1 por terceira semana consecutiva” e, o índice de positividade das probas diagnósticas realizadas sitúase en 9,4%.

Finalmente, o doutor e membro do comité clínico, Pedro Rascado, incidiu na necesidade de seguir a cumprir as medidas establecidas pois “malia o descenso das incidencias acumuladas e a mellora da situación epidemiolóxica, non se lle pode quitar trascendencia ao número de pacientes ingresados nos hospitais galegos”.