Portosín presenta a súa regata máis emblemática: A Mar de Finisterre – Trofeo Pitusa Sabín

Texto e fotos de Juan Caballero

O Real Club Náutico Portosín presentou este 18 de agosto a súa regata máis emblemática, a Mar de Finisterre – Trofeo Pitusa Sabín, que neste 2021 cumpre as súas 33 edicións subindo até o Carrumeiro Chico, na entrada á ría de Corcubión, e a súa sétima desde que Dominga Sabín e Jacinto Hernández fixéronse cargo do seu patrocinio.

Luis Oujo, Pitusa Sabín e Jacinto Hernández na presentación/Imaxe de Juan Caballero

Ademais, a cita deste ano leva o aliciente de ser regata puntuábel para o Trofeo Presidente Xunta de Galicia, tras a primeira xa celebrada na Coruña e organizada polo Real Club Náutico da cidade herculina, e antes de que finalice coa terceira e última na baía de Baiona organizada polo Monte Real Club de Iates.

Segundo dixo Jacinto Hernández na presentación, “é unha honra que este ano a regata sexa puntuábel para o Trofeo Presidente Xunta de Galicia, onde hai que agradecer a xentileza de Pedro Campos, presidente do RCN Sanxenxo, así como aos clubs colaboradores que apoiaron esta iniciativa, como o RCN A Coruña e o Monte Real de Baiona, sen esquecernos da Real Federación Galega de Vela e, sobre todo, da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral para o Deporte”.

Acompañando a Hernández estaban o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo; o presidente, comodoro, vicepresidenta primeira e vogal do Real de Portosín, Jorge Arán, Fernando González, Pepa Castro e José Antonio García; así como os concelleiros de Deportes e Turismo do Concello, Juan Pouso e Manuel Deán; e o patrón maior da Confraría de Pescadores San Andrés de Portosín, Isaac Gaciño.

González, que actuou como portavoz do club e coordinador da presentación manifestaba que “falar da Mar de Finisterre é falar da nosa regata máis emblemática, a primeira que se organizou neste club. Este ano, como nas anteriores edicións, será valedoira para a Copa de Galicia de Cruceiros e puntuábel para o Trofeo Presidente Xunta de Galicia, o que supón unha gran noticia”. E engadiu: “Nesta cita imos ter tres clases que van ser Open, ORC Regata e ORC Cruceiro/Regata. É, talvez, unha das tres regatas que se celebran en Galicia onde ao regatista dáselle un trato excepcional, todo iso grazas ao incondicional apoio de Pitusa e de Jacinto, contando tamén cunha boa degustación de sardiña ofrecida pola Confraría de Pescadores San Andrés de Portosín e tamén a colaboración de Conservas Sotavento”.

Pola súa banda, o rexedor sonense dicía que “este ano, que esteades aquí, xa é unha gran noticia”, en referencia a Pitusa e Jacinto, “porque se vos botaba de menos debido á pandemia” (os patrocinadores viven en EE.UU.), “agradecendo a vosa xenerosidade pois xa son sete edicións patrocinando esta regata, así como tamén felicitar ao Real Club Náutico de Portosín por conseguir o ser parte do Trofeo Presidente, e iso é porque se están a facer as cousas ben”.

A Regata Mar de Finisterre – Trofeo Pitusa Sabín dispútase os días 21 e 22 deste mes de agosto, cunha participación que roldará as 25 unidades e un combinado de probas deportivas entre trazados costeiros e mangas ao vento, sendo o principal fito a virada no afamado Faro do Carrumeiro Chico, na enseada finisterrá.