Portosín foi unha festa para recibir ao seu deportista olímpico, Iago López Marra

O pasado 11 de agosto a vila de Portosín foi unha festa para recibir ao seu deportista olímpico Iago López Marra, acabado de chegar dos Xogos de Toquio logo dunha meritoria actuación na clase 49er, a carón do seu compañeiro de embarcación Diego Botín, que o deixou a rentes da medalla de bronce pero que achegou os mellores agoiros para a vindeira gran cita internacional, a de París 2024, dentro de tres anos.

Na súa vila, logo duns días de descanso cos familiares e os amigos máis próximos, foi recibido con aclamacións e expresións de orgullo e felicitación polos seus compañeiros do Real Club Náutico do Portosín e polos integrantes do Concello e a Corporación local, incluído o alcalde Luis Oujo, quen o acompañou ao longo do acto conmemorativo e que confirmou que o regatista local será proposto para a Medalla de Ouro do Concello de Porto do Son e para o nomeamento de membro de honra do Real Club Náutico de Portosín.

Na cita tamén participou un bo número de veciñas e veciños, representantes das confrarías de pescadores de Porto do Son e Portosín e, por suposto, amigos e familiares de López Marra.

Todos e cada un dos participantes no recibimento lle fixeron chegar cadansúas felicitacións por ter acadado o cuarto porto na dita mobilidade. “Non poderíamos ter mellor representante que o noso regatista Iago e embaixador na competición internacional, es un exemplo e un orgullo para todos nós”, fíxolle saber o Real Club Náutico.