Pedro Brandariz leva a Portosín, este luns, os seus contos de michos

Ao abeiro do programa de actividades Cultura no Camiño (Xacobeo 21-22), vaise celebrar en Portosín un espectáculo para toda a familia centrada nun dos compañeiros do ser humano cuxa relación (con nós) vén máis de antigo: os gatiños. Falamos de Contos de Michos, de Pedro Brandariz. Representarase este luns 2 de agosto ás 12.00 horas, na praza do Curro de Portosín. Organiza o Concello de Porto do Son e produce Dinamo Xestión.

Contos de Michos é un espectáculo de narración oral, dirixido a crianzas de 4 a 12 anos, no que actor, autor e humorista Brandariz conta as venturas e desventuras de varios gatos que pouco a pouco (e de moi diferentes maneiras) van descubrindo as súas capacidades e limitacións, aprendendo a aceptarse a si mesmos tal e como son.