Oito equipos pelexarán este domingo no Porto de Aguiño pola primeira bandeira feminina “Heroínas de Sálvora”

Os oito equipos da liga feminina de traíñas van disputar este domingo a partir das doce do mediodía no porto de Aguiño a Primeira Bandeira Feminina Heroínas de Sálvora, cuxa presentación tivo lugar hoxe na Casa do Concello nun acto que contou coa participación de Jesús Silva en representación do Club de Remo Náutico de Ribeira, a primeira
tenente de alcalde María Sampedro e o concelleiro de Deportes Javier Sampedro.
Jesús Silva explicou que a idea de celebrar esta regata xorde polo afán de conmemorar o centenario do afundimento do Santa Isabel e a actuación das Heroínas de Sálvora. A diferenza doutras regatas, esta terá unha virada máis que o habitual, con seis largos, o que fará que gañe en vistosidade. Haberá dúas tandas.
Sobre o club local, Silva manifestou que esperan facer un bo papel e pelexar por gañar a súa tanda. As rapazas son todas moi novas, de 16 e 17 anos, pero están moi motivadas.
María Sampedro felicitou ao club pola idea de celebrar esta regata como recordo dos cen anos do Santa Isabel e pola súa aposta pola canteira. Así mesmo, ratificou o compromiso do goberno de consignar nos orzamentos a sede de deportes náuticos.