Novamente Rianxo vai ser este verán un concello de interese para os seareiros da observación astronómica. Isto será posíbel unha vez máis grazas á implicación da Universidade de Santiago, a través do Observatorio Astronómico Ramón María Aller que dirixe José Ángel Docobo, que colabora co Concello incluíndo Rianxo (e máis Noia no mes de xullo) na súa xira O Camiño das Estrelas – As Estrelas do Camiño, abeirada a o programa de actividades O Teu Xacobeo. A cita rianxeira será o 16 de agosto ás 22.00 no exterior do CEIP Castelao. As estradas serán de balde, pero haberá que reservar localidades (ata o venres 13 de agosto ás 12:00 h) a través do formulario no enderezo web municipal.

A xira
Como dixemos, o Observatorio Astronómico Ramón María Aller incluíu á nosa comarca no itinerario da iniciativa As estrelas do Camiño. Programáronse sesións de divulgación en 22 concellos galegos entre xullo e setembro. A cita de Noia foi o 20 de xullo e a de Rianxo o 16 de agosto. As dúas enmárcanse no ciclo As estrelas do Camiño. A primeira das sesións celebrouse o vindeiro 15 de xullo, ás 22.30 horas, no Miradoiro do Lapido en Padrón.
Cada actividade (dirixida ao público en xeral e co control de cada concello), vai consistir nunha charla previa sobre cuestións astronómicas de interese para logo pasar ás observacións, “tanto a simple vista, de recoñecemento de constelacións, identificación do triángulo de verán e mesmo da Vía Láctea”, explicou os días pasados o director do Observatorio José Ángel Docobo, que engade que as citas incluirán observacións telescópicas con instrumental levado polo propio Observatorio.
Durante as sesións, o público será informado sobre as características físicas de cada astro observado, mitoloxía e demais datos adicionais, coa finalidade de que a sesión sexa “non só un interesante encontro científico-cultural, senón unha forma tamén de pasalo ben dun xeito seguro nas nosas fermosas noites estivais”.