O Náutico de Portosín fará seguimento da última e decisiva proba olímpica do regatista local Iago López Marra (adiada até este martes)

O capítulo de éxitos olímpicos dos deportistas do Barbanza non vai rematar coas destacadas actuacións do remeiro de Noia Caetano Horta e da saltadora de Ribeira, Ana Peleteiro.

Hoxe (luns 2 de agosto) estaba programada unha cita co mellor deporte local no Real Club Náutico de Portosín, dende onde se tiña previsto facer un seguimento da proba final na que o regatista Iago López Marra concorría con serias opcións de formar parte do grupo de medallistas dos Xogos de Toquio. A proba na que participaba o equipo Botín & L Marra Sailing íase seguir dende as 8.15 horas pero tivo que ser cancelada en Xapón pola falta de vento. Aditouse até mañá, pero o plan para facer seguimento en tempo real da experiencia náutica, segue en pé no Club Náutico.

Formarán parte da comitiva no salón do club os socios e directivos da entidade, así como os membros da Corporación municipal, encabezada polo alcalde Luis Oujo, e o patrón maior e membros do Cabildo da Confaría de Portosín. No salón habilitouse un espazo no que ver a última e apaixonante parte da competición da clase 49er.