O comercio de Ribeira fai un chamamento a veciños e turistas a implicarse nunha nova edición da Viamare Stock

A Asociación de Empresarios de Ribeira presentou na mañá deste 5 de agosto a 16 edición da feira Viamare Stock de Oportunidades, un dos grandes acontecementos comerciais e sociais da tempada nosa nosa comarca e na xeografía galega. Será, unha vez máis, unha edición marcada pola COVID-19 e a necesidade de compatibilizar a afluencia de visitantes e a seguridade sanitaria. Deste xeito, no canto de realizarse nunha única carpa, cada establecemento participante vai ter un espazo de seu particular. Estas carpas individuais estarán separadas entre si, ocupando un espazo aberto na explanada do porto de Ribeira, na mesma localización que en anos anteriores.

Na presentación da feira, a Asociación de Empresarios fixo saber que o recinto contará cunha entrada e cunha saída independentes, con varios lugares de fornecemento de xel desinfectante e luvas e cun vixiante de seguridade que controlará o aforo e o uso obrigatorio de máscara para a entrada ao recinto.

O evento terá unha participación de 21 establecementos, dun amplo número de sectores como poden ser: moda e complementos, deportes, zapaterías, moda infantil, puericultura, agasallos….. “Este número de participantes reforza e consolida esta feira como a máis importante da comarca do Barbanza”, explicou o presidente da patronal de Ribeira, Francisco Martínez Gude, quen quixo salientar a implicación (un ano máis) de entidades como o Centro de Día de Alzhéimer de Ribeira AGADEA, que asumirá a decoración das carpas, tarefa que realizan os usuarios do centro nos obradoiros que levan a cabo utilizando material de refugallo. “Nós colaboramos con eles facendo publicidade do labor que están desenvolvendo e visibilizando o seu traballo. Estamos encantados de darlle visibilidade un ano máis ao traballo que realizan os nosos maiores”, engadiu o presidente da Asociación de Empresarios.

No porto de Ribeira

A localización da feira será como cada ano, a explanada do porto de Ribeira, e a duración será de venres a domingo (do 13 ao 15 de agosto) de 11:00h a 22:00h o venres, de 10:00h a 22:00h o sábado e de 11:00 a 21:00h o domingo. Entre os grandes reclamos do evento figuran “os grandes descontos dos 21 establecementos que participan”, engadiu Martínez Gude, quen quixo agradecer a colaboración do Concello de Ribeira “que outro ano máis axuda ao pequeno comercio nestes momentos tan complexos que está vivindo o sector, dándolle saída aos stocks de tempada co apoio deste tipo de iniciativas”.

O presidente, para rematar, fixo un chamamento a veciños e turistas para conseguir, entre todas e todas, un novo éxito na historia das feiras Viamare Stock, en cuxa nova edición poderán aproveitarse dos grandes descontos que ofrece o comercio seguro e de calidade do concello de Ribeira.

Na presentación o presidente estivo acompañado do concelleiro Ramón Doval.