O CD Boiro bátese este sábado co Bergantiños CF no encontro de homenaxe á figura de Carlos Muñiz

Este martes 17 de agosto presentouse en Boiro o Memorial Carlos Muñiz, un evento deportivo en tributo do que foi un dos grandes impulsores do deporte a nivel local nas pasadas décadas, que se celebra este sábado 21 en Barraña ás 19.30 horas, enfrontando ao CD Boiro co Bergantiños CF, equipo que vén de ascender da categoría 2RFEF.

Na presentación do memorial (no Campo de Fútbol de Barraña) participaron o alcalde, José Ramón Romero, e o concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo, acompañados de familiares do homenaxeado, entre os que se atopaba un dos irmáns, José Muñiz, e o sobriño, Mariano Muñiz. Asistiu tamén o presidente do CD Boiro, Marcos Martínez.

Carlos Muñiz foi secretario da entidade deportiva na década dos sesenta e estivo sempre moi implicado coas súas tarefas no CD Boiro. A pesar da súa discapacidade -paraplexia- axudou enormemente ao crecemento da entidade da man dun dos presidentes máis relevantes, Manolo Barcala, e de Barreiro.

Con este importante memorial deportivo, a actual directiva do club e o Concello de Boiro quere agradecer e facer extensíbel este recoñecemento “a todas as persoas que, dende que se fundou o CD Boiro, traballan desinteresadamente pola entidade e pola promoción do deporte no municipio”.