En Muros os servizos de emerxencia rescatan a unha persoa que caeu nunha zona de difícil acceso

Os servizos de emerxencia rescataron a unha persoa que caeu nas Pozas de Can Loureiro, na parroquia de Abelleira, en Muros.

Foi unha menor, filla da ferida, quen avisou ao 112 Galicia, sobre as doce do mediodía, de que a súa nai caera neste punto nunha zona de difícil acceso.

De xeito inmediato, os xestores do 112 Galicia informaron ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061, ao GES de Muros, á Policía Local, á Garda Civil e aos Bombeiros de Cee.

Cando deron co punto exacto do incidente, os medios de emerxencias confirmaron que a ferida se atopaba sentada nunha pedra, pero non se podía mover e para chegar a ela o acceso era complicado.

Así pois, solicitouse a intervención do Servizo de Gardacostas de Galicia para que desprazasen ata o punto un helicóptero e tratar así de chegar á ferida para poder evacuala.

Finalmente, o helicóptero Pesca-1 rescatou á muller e trasladouna ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.