“Bueu quere que Pablo volva á casa”. Antón Luaces

Alto e claro: a veciñanza de Bueu, mediante cartaces e pancartas, tamén con expresións sonoras ben timbradas e a unha, deixou patente nas rúas, na praza, nos sentimentos de cada quen, que Pablo (agora mesmo en Bueu semella que non hai outro Pablo que non sexa Pablo Costas Villar, capitán do pesqueiro somalí “Cobija”) debe regresar á vila, á súa casa, ao seo da súa familia, cos seus veciños de toda a vida. E quen debe traballar para que ese retorno se faga realidade non é outro que o Goberno de España. Porque, culpable ou non de realizar pesca ilegal, Pablo Costas é un galego (polo tanto nacional español) que leva retido no porto iemení de Al Mukalla dende vai case que un ano e nunha situación actual do máis irregular. 

O capitán do “Cobija” está nunha especie de limbo ao que o trasladou Australia, secundada unha outra vez pola ONG Sea Sepherd, coa súa denuncia de pesca INDNR e, máis que cumprida a condena de tres meses de retención no buque imposta por un tribunal, ninguén sabe se permanece ou non a acusación porque, de non ser así, como se explica que non poda abandonar o porto de Al Mukalla no Iemen do Sur?. Que xestións están a facer realmente as autoridades consulares que representan os intereses españois no Iemen, quen explica á familia de Costas que este non está libre porque non saben como amañar a situación?. 

En Bueu, esta fin de semana, as rúas e prazas da vila foron testemuñas vivas de que o que queren os viciños e mesmo a alcaldía, é que Pablo volva á casa. Que alguén dea o paso necesario para que un español, retido nun país en guerra sen nengún tipo de garantías legais, dispoña destas en primeira instancia e se lle trate coa mesma presteza que se llre aplicou a outros españois por casos máis ou menos semellantes. E se, posteriormente, se demostra que as acusacións de Australia e Sea Sepherd teñen o respaldo das evidencias, sexa xulgado en España por, lóxicamente, un tribunal español.
Para o asesor da Central Unitarkia de traballadores, Manuel Camaño, “o único que fixo Pablo Costas foi traballar toda a súa vida”. Camaño dixo tamén que as acusacións van ter que comelas, e xa se lle dixo ao Goberno español que tivera coidado por “Australia é piratería pura. Non se pode crer a esa xente. E agora teñemn quew estar negociando co Estado Islámico. Esto é moi grave”.

En Bueu ven de se crear unha plataforma cidadá para solicitar a repatriación de Iemen de Pablo Costas. Está integrada polo sindicato CUT, a familia e avogada de Costas, así como veciñanza e profesores da escola náutico-pesqueira. En redes sociais tamén se conformou unha plataforma que tenta levar a cabo unha recollida de alimentos que, polos seus propios medios, pensan enviar ao capitán e resto de tripulantes do “Cobija”. E a corporación municipal de Bueu vai tratar, no pleno a celebrar o vindeiro mes de setembro,  de dar aprobación a unha moción para esixir a repatriación do mariñeiro buenense. Trátase, segundo dixo o alcalde local, o nacionalista Félix Juncal, “dun tema de humanidade, xa que Pablo está abandonado e esquecido e merece a preocupación e o respaldo do Goberno español”.Tanto o capitán como a tripulación que queda a bordo do buque somalí  continúan sen recibir víveres nen auga potable dende hai varios días. Compre lembrar que un mariñeiro de nacionalidade rusa foi liberado hai unha semana. Atópase xa no seu domicilio, a curta distancia da cidade rusa de San Petersburgo, dende onde confirmou a súa condición de mariñeiro e non de capitán como algunha fonte dixo.