Boiro intensifica as medidas e controis para evitar as aglomeracións en San Ramón de Bealo

San Ramón de Bealo Boiro. Turismo Boiro

O Concello de Boiro, nun bando informativo publicado hoxe, comunicou que nin dende o propio Concello nin dende a Comisión de Festas se van organizar neste 2021 nin a romaría nin ningún dos festexos que son tradicionais destas datas. Mantense a actividade de actos relixiosos, seguindo sempre as medidas decretadas polas autoridades sanitarias para o control da situación epidemiolóxica.
Co obxectivo de evitar as aglomeracións que, nos días previos ao 31 de agosto se producen na contorna da ermida de San Ramón de Bealo, o Concello de Boiro e a Comisión de Festas non organizan este ano ningún dos festexos que son tradicionais, polo que non se vai permitir a instalación de postos de restauración, hostalaría ou atraccións lúdicas ou musicais.
Dende o Concello de Boiro lémbrase que a acampada turística non está permitida fora dos cámpings de turismo autorizados, polo que a Policía Local vai intensificar a vixilancia para evitar que se produzan xuntanzas entre persoas non convivintes, non permitidas entre as 03.00 e as 06.00 horas, e evitar as festas incontroladas e as aglomeracións.
En calquera caso, será obrigatorio o cumprimento de todas as mediadas de prevención específicas decretadas polas autoridades sanitarias, sobre todo aquelas relativas a agrupacións máximas de persoas e mantemento das medidas de hixiene e distanciamento social.