Boiro en nivel alto de incidencia e con positivos en descenso

O Concello de Boiro celebrou na mañá deste 9 de agosto unha nova sesión da Comisión de Seguimento e Evolución da COVID-19, que se vén realizando dende o inicio da pandemia, con periodicidade semanal, co obxectivo de verificar a incidencia no municipio e establecer as medidas precisas para pórlle freo e axudar aos sectores e á poboación máis vulnerábeis. Na xuntanza participaron novamente a coordinadora de servizos sociais, o coordinador de Protección Civil e o oficial-xefe da Policía Local.

Segundo compartiron o municipio atópase dende o sábado en nivel alto e o número de novos positivos e positivos segue en descenso.

As medidas aplícanse no municipio do seguinte xeito: a hostalaría pode prestar servizo no interior e nas terrazas cun 50% da capacidade máxima permitida; o ocio nocturno pode prestar servizo só nas terrazas e cun 50% da súa capacidade; as agrupacións de persoas limítanse a 6 en espazos pechados e 10 en espazos ao aire libre;

Amais, explicouse na xuntanza, todas esas actividades culturais e deportivas con público “desenvólvense sen superar a capacidade máxima do 75%, con capacidade limitada e reserva previa de entradas, uso obrigatorio da máscara durante o espectáculo, así como baixo outras medidas complementarias de hixiene e protección como son o mantemento da distancia de seguridade e desinfección de mans”.

O departamento de Servizos Sociais coordina todas as necesidades que poidan xurdir a persoas con positivo ou que se atopen confinadas, como pode ser a derivación a Protección Civil para recollida de lixo, ou a Cáritas e Cruz Vermella para alimentación e outros bens de primeira necesidade.

A Policía Local mantén a vixilancia e control da poboación para garantir que se cumpran as medidas e restricións decretadas polas autoridades sanitarias.