BNG, PBBI e Suma Ribeira non acudirán ao pleno urxente convocado polo Concello por consideralo “fraudulento”

Os grupos da oposición ribeirense, BNG, PBBI e SR, xunto coa plataforma veciñal de afectados pola circunvalación de Ribeira, xuntáronse este 18 de agosto na praza do Concello de Ribeira para achegar unha rolda de prensa conxunta arredor das últimas novidades relativas ao proxecto local de circunvalación.

Segundo lembraron, o pasado mes de xullo rexistraron unha iniciativa para forzar a convocatoria dun pleno extraordinario cuxo obxectivo era reprobar o alcalde “pola súa negativa a cumprir cos acordos plenarios” e “esixir a realización dun estudo técnico comparativo e independente para a mellora do trazado da estrada de Frións a Xarás”, explicaron, engadindo que “este proxecto proposto polo BNG constitúa unha alternativa á variante impulsada polo Concello máis económica, sustentábel e de menor impacto social”. Segundo denunciou a agrupación nacionalista, esta proposta “foi ignorada sen criterios técnicos polo Goberno local, para poder xustificar a idoneidade do trazado proposto pola Xunta”. A agrupación recalcou na rolda de prensa que o devandito “suscitou un forte malestar na localidade chegando a rexistrarse máis de 1.200 sinaturas de veciños e veciñas que se opoñen a este proxecto do Partido Popular”.

Os tres partidos recordaron este mércores 18 de agosto que “segundo o regulamento municipal e a Lei de bases de réxime local, cando unha cuarta parte dos concelleiros solicitan a celebración dun pleno, este debe ter carácter extraordinario e convocarse como mínimo con dous días hábiles de antelación”. O concelleiro, Luís Pérez Barral, acusou ao alcalde de “querer gañar unha votación vulnerando a lexislación”. E engadiu: “Ruiz convoca un pleno urxente, dun día para outro, en lugar dun extraordinario como establece a lei, para dificultar a participación de concelleiros que teñen obrigas laborais inaprazábeis ou se atopan fóra do municipio”.

Ademais, Pérez Barral afirmou que “estamos ante feitos moi graves posto que o alcalde aproveita a ausencia do secretario municipal para impedir que os concelleiros poidamos solicitar o seu amparo legal co que evitar a celebración dese pleno en fraude de lei”.

O BNG, o PBBI e SR denunciaron tamén “o cambio de criterio para a realización deste pleno, posto que desde a irrupción da pandemia, o Concello de Ribeira vén celebrando todas as súas sesións plenarias de maneira telemática”. Na súa opinión, “a vontade manifestada en múltiples ocasións polo alcalde, así como polo resto dos grupos, era volver a celebrar plenos presenciais cando a situación sanitaria estivese normalizada”.

Barral engadiu que “pese que a situación sanitaria en Ribeira se atopa no nivel alto de restrición, o alcalde muda unilateralmente o criterio coa pretensión de obstaculizar a votación nun pleno no que se ía reprobar a conducta antidemocrática de Ruiz Rivas e do seu goberno”. E apuntou: “Mentres en situacións sanitarias mellores os plenos discorrían en liña, non se xustifica o cambio de criterio impoñendo agora a obrigatoriedade da presencialidade, a pesar de que a incidencia da COVID é alta; isto só responde ao capricho de gañar votacións nas que non conta con apoios suficientes”.

Ante estes feitos BNG, PBBI e SR fixeron saber que non asistirán a un “pleno fraudulento e á medida do PP” e aseguran que “estudarán os mecanismos legais para que Ruiz Rivas sexa reprobado e se aprobe a realización do estudo técnico de mellora da estrada de Frións a Xarás”.