BNG, PBBI e Suma Ribeira piden un pleno extraordinario para abordar as alternativas á circunvalación

BNG, PBBI e SR piden a convocatoria dun pleno extraordinario por, segundo fan saber nun comunicado conxunto, “a negativa do alcalde a debater as alternativas á circunvalación”.

Segundo explican referíndose aos motivos da convocatoria, “no pasado mes de outubro de 2020, o pleno da Corporación municipal de Ribeira aprobaba unha iniciativa para que o Concello de Ribeira fixese un estudo técnico comparativo independente sobre os diferentes proxectos para construír unha circunvalación no municipio”. Os tres partidos engaden que o dito acordo plenario foi aprobado pola maioría absoluta dos membros da Corporación (obtendo 12 votos a favor de BNG, PBBI, Suma Ribeira e PSOE e 9 votos en contra do Partido Popular) e que contaba con co visto e prace da plataforma de veciñas e veciños afectados polo proxecto que pretende facer a Xunta.

O amplo consenso acadado pola Corporación permitiu ademais incorporar unha emenda feita polo BNG para incluír nese estudo comparativo a reforma e mellora da estrada CP-7301 entre os lugares de Xarás e Frións, facendo que o acordo implicara un estudo comparativo por parte de persoal técnico cualificado e independente onde se valorase cando menos o impacto ambiental, o impacto social, as incidencias no tráfico así como as posibilidades de desenvolvemento futuro de Ribeira en dous casos concretos (o proxecto proposto pola Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta, premiado co premio OVISA no ano 2018; e o proxecto de mellora da estrada CP-7301 entre os lugares de Xarás e Frións) e, tamén, que mentres durase a realización del estudio comparativo anterior, sería suspendido temporalmente o proceso administrativo.

Os tres partidos, tras o que consideran “un incumprimento do acordo por parte do Goberno local”, presentaron unha proposta para esixir o cumprimento íntegro do mesmo. Ademais, critican que “o alcalde se negase a tratar o asunto en pleno” polo que os tres grupos víronse na obriga de “forzar un pleno extraordinario para tratalo ante o talante anti democrático do rexedor”.

O comunicado asinado polas tres agrupacións remata deste xeito:

“Desde o BNG, PBBI e SR incidimos na necesidade de facer un estudo no que se valorara a proposta do BNG de reformar a estrada de Frións para convertela na circunvalación que Ribeira precisa. Os argumentos para defender esta alternativa son sólidos por implicar un menor impacto ambiental ao non ter que facer grandes movementos de terra, tería menor impacto social ao non afectar núcleos habitados e sería máis económica por ter só que mellorar o trazado existente mediante o suavizado de curvas e a construción de carrís de subida e baixada adicionais. Esta proposta, de facer a circunvalación por Frións, alén de beneficiar a barrios tan poboados como Fafián, Coveliño, As Avesadas e o centro urbano de Ribeira, daríalle servizo á poboación e negocios de Carreira e Aguiño. Ademais do anterior, as persoas que baixan de Corrubedo, Olveira, Oleiros e Artes ao centro de Ribeira poderían escoller esa alternativa para desembocar directamente nos aparcadoiros disuasorios das Avesadas coa conseguinte redución do tráfico rodado no centro urbano. Esa alternativa formulada polo Bloque xa fora obxecto de debate no Parlamento galego en 2016 na que o Partido Popular mostrara o seu rexeitamento”.

Na rolda de presentación da proposta de pleno falaron por orde; Luís Pérez Barral (BNG), Vicente Mariño (PBBI), Xurxo Ferrón (SR) e Javier Gordillo pola plataforma veciñal.