“Barcos peláxicos irlandeses, a historia que se repite”. Antón Luaces

Xa están aquí. Levan días faenando no Cantábrico e vendendo as súas falcatruadas nas lonxas de Euskadi -polo de agora-. Son barcos peláxicos irlandeses que, esgotada a súa cota no Atlántico, acoden como verdadeiros depredadores ao caladorio Cantábrico Noroeste sabedores de que, en poucos días, serán eles e só eles os que faenen ata acabar co último bonito da manda que aínda percura comida nas ricaces augas cantábricas.
As pezas de bonito vendidas sen rubor por ningunha das partes -as que deben controlar as vendas e os compradores destas pezas en lonxas españolas- aparecen coas marcas que evidencian que non foron capturadas con artes tradicionais (por exemplo a cacea) e sí con aparellos peláxicos. Para eles, os tripulantes dos barcos irlandeses, unha venda rápida; para os compradores, a oportunidade de se facer con bonito maltratado a prezos impensables para o seu consumo en fresco e que, por este motivo, se destina ás conservas. Ninguén sabe que bonito se envasa nas fábricas de conserva porque os consumidores non temos acceso a el antes da súa cocción. Pero os compradores saben como e por que se destina á conserva e non ao consumo en fresco: o bonito capturado con redes peláxicas invalida, coa lastimeira imaxe que da, o desexo de o preparar na cociña caseira ou nos restaurantes que o inclúen nas súas cartas. 

O barcos arrastreiros peláxicos irlandeses e franceses faenan perto da costa española. Os aparellos que empregan están prohibidos en augas de España polas administracións estatal e autonómica. Traballan eses barcos ao abeiro das súas propias leis e non das de España. E a Unión Europea alega que non pode prohibir o que é legal no Estado de bandeira e que, amáis, son augas internacionais (por máis que en moitos casos chegen a superar as 12 millas da costa e sen ter en conta que están a incumprir as leis españolas e das comunidades autónomas. Eis o motivo polo que os peláxicos irlandeses e franceses veñen pescar ao rico caladoiro cantábrico onde, á volta da semana, é case seguro que o Goberno central español dictaminará o peche da campaña boniteira por esgotamento da cota. Pero irlandeses e franceses seguirán a pescar mentres bascos, cántabros, asturianos e galegos amarran e habilitan os seus barcos para aproveitar o que quede doutras pesqueiras (se é que queda algunha posibilidade da fenar).

Cando chegaron ao Cantábrico os barcos franceses e irlandeses o ano pasado, a frota española faenou ao patudo en Galicia e o Atlántico norte tentando facer rendible esta especie que, xunto co atún roxo permitíulles ampliar o tempo de pesca.

No ano 2005, os niveis de captura de bonito eran para España de 21 millóns de quilos, catro mil millóns máis ca este ano 2021. Non é de estrenar, polo tanto,l que o esgotamento da cota se produza a mediados de agosto e non no mes de outubro como antes acontecía.As redes peláxicas utilizadas polos irlandeses apañan en arrastre todo canto se pon ao seu alcance. É certo que os tripulantes descartan moito do capturado xa que, como é sabido, o arrastre fáise cun aparello lastrado que ten forma de funil (embudo) normalmente entre dous barcos que van recollendo todo canto atopan na navegación en parella. É cotián que estas redes teñan unha boca, do tamaño dun campo de fútbol, pola que entran ao copo arroaces, tartarugas ,e peixes de toda caste (ata algunha balea) sexan ou non obxectivo e mesmo que estean protexidas. Se non teñen interese comercial, guíndannas ao mar xa mortas. Carnada para outras especies, pero non humanas.

Ao contrario que as redes peláxicas, o uso da cacea permite pescar un a un o bonito, eliminando deste xeito o descarte.