A Policía Autonómica levou a cabo 57 dispositivos na fin de semana, entre eles en Boiro, dentro dos controis das medidas ante a covid-19 en Galicia

Axentes da Policía Autonómica levaron a cabo esta fin de semana un total de 57 dispositivos en 25 concellos galegos. Os controis realizáronse no marco do plan de actuacións específicas destinadas á prevención, inspección e control do cumprimento das medidas adoptadas polas autoridades competentes pola covid-19, e saldáronse con 5 persoas identificadas e 4 denuncias, tres delas por non facer uso da máscara e unha por fumar sen respectar a distancia de seguridade interpersoal.

Os axentes realizaron na provincia da Coruña 10 dispositivos nos concellos Boiro, A Coruña, O Pino e Santiago de Compostela, mentres que na provincia de Lugo leváronse a cabo 23 dispositivos nos municipios de Burela, Foz, Lugo, Láncara, Monforte de Lemos, Monterroso, Palas de Reis, O Páramo, Ribadeo, Vilalba e Viveiro.

Na provincia de Ourense, realizáronse 12 operativos nos concellos de Baños de Molgas, Ourense e Xunqueira de Ambía. E na provincia de Pontevedra leváronse a cabo 12 operativos nos concellos de Barro, Meaño, Poio, Pontevedra, Ribadumia, Vigo e Vilaboa.

Estes dispositivos encádranse no marco da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias.