A consulta ao mercado para lograr pasos de peóns máis seguros en Ribeira acadou nove propostas

En Ribeira o Concello achegou novidades respecto da consulta preliminar lanzada ao mercado co obxectivo de habilitar solucións innovadoras que axuden a reducir a siniestralidade viaria nos pasos de peóns. Segundo fixo saber o Goberno local, recibíronse nove as propostas á devandita consulta, que foi licitada baixo o simbólico importe dun euro.

Trátase dunha acción abeirada ao Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) e na EDUSI Máis Ribeira Atlántica 2020, financiada nun 80% polo FEDER no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España ( POPE) 2014-2020.

Coa consulta ao mercado que se vén de lanzar (e que estaba aberta a persoas físicas e xurídicas, tanto públicas como privadas), o que se pretendía é dispor “dun coñecemento apropiado acerca das solucións e capacidades existentes no mercado e de información suficiente que permita unha mellor do definición das especificacións técnicas e funcionais dos proxectos que se van licitar”.

Conforme ao devandito, ábrese un período para analizar estas propostas, facéndose públicos os resultados destes traballos en setembro. Prevese que antes da conclusión do último trimestre do 2021 se licite o proxecto ou proxectos a implementar no “obxectivo de dispor duns pasos de peóns máis seguros”.

Cómpre lembrar que no pasado xullo o Consistorio local acolleu unha xornada complementaria desta consulta que contou, entre outros expertos, coa participación do director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez; de Jeanne Picard en representación da asociación Stop Accidentes; de Javier Díez da plataforma Ponle Freno; e de Daniel Castelo como coordinador do grupo de traballo de seguridade viaria da Agrupación de Trafico da Garda Civil.