“Un mal exemplo que ninguén corrixe”. Antón Luaces

Cando os mariñeiros dalgúns países comunitarios comezan a dar a batalla contra a proliferación a escasa distancia da costa dos parques  eólicos mariños, outras nacións -neste caso tamén europeas, secundadas por terceiros paises- manteñen un evidente teimudo afán  de continuar avantando nos seus proxectos de extración de minerais e combustibles dos fondos mariños. É unha especie de réplica aos pretendidos intereses conservacionistas das áreas mariñas nas que o sector pesqueiro realiza as súas tarefas cotiáns para se subministrar do peixe e o marisco que o mar produce a cotío. Como xa coñece o lector de O Barbanza, os pescadores -para nós, mariñeiros- de Galicia e a Bretaña francesa fan causa común na defensa  da súa costa contra a invasión desta por grandes aeroxeradores de produción eléctrica mariña. Saben,. porque o ven, que os parques eólicos mariños non contribúen a manter o ritmo de procreación de alevíns de distintas especies comerciais de peixe, por máis que existan persoas que entendan que, grazas á prohibición de pescar nesas áreas mariñas ocupadas por esos inmensos muiños de vento, ás bases destas xigantescas torres coroadas por esa especie de ventilador poden marcar unha nova vida piscícola e marisqueira xerada coma nun arrecife a partir do cal as distintas especies se espallen polas augas próximas nas que os barcos -polo tanto o home- só pode pescar.
Nun traballo anterior referiámonos a Noruega como paìs emblemático ou espello no que se mirar para nos facer unha idea do que os parques eólicos mariños significan para a pesca. O propio sector pesqueiro noruegués xa se decatou dos incovintes da eólica mariña e como esta prexudica á pesca e ós intereses dos pescadores. Mais, teñamos moito ollo: Noruega está a realizar novas perforacións. Ao longo deste ano farán traballos de perforación de polo menos 40 novos pozos de exploración (un 25% máis ca no ano 2020). Todo porque o país nórdico ten medo a que a súa produción petrolífera poda baixar máis dun 70% nos vindeiros 20 anos si non se  levan a cabo novos descubrimentos (que sí se están a realizar: 8 no primeiro semestre deste ano, que conteñen uns 60 millóns de metros cúbicos de equivalentes de petróleo).  O achado afecta a toda a plataforma do país escandinavo, o mar de Barents incluído. Mentras que en España e a propia Bretaña francesa os achados de petróleo no mar semellan non ter maior importancia, para Noruega a produción de petróleo e gas aportou unha riqueza que abre o apetito a calquera goberno europeo: Un billón trescentos mil millóns de dólares. Non son quen de facerme unha idea do que esto significa ou pode significar. Pero tamén neste reino de soños que é Noruega xurden críticas por parte dun número cada vez maior de persoas, entre estas pescadores. Críticas que nacen asimesmo no estranxeiro, malia ser coñecido o compromiso noruegués de cumprir os obxectivos do Acordo Climático de París, reducindo as súas emisións nun 50% respecto do nivel de 1990 para o ano 2030. Mais quen fixo a lei, fixo a trampa: Noruega concedeu nos últimos anos centos de licencia de perforación na súa plataforma. Delas, moitas en augas do Ártico. A principios de 2021, trinta empresas recibiron unha oferta de 61 novas licenzas en zonas predefinidas, algunhas delas, como xa se dixo, no Mar de Barents. No pasado mes de xuño, sete empresas recibiron ofertas de participación en catro licenzas como parte da XXV rolda de concesión de licenzas en Noruega, país que ten unha plataforma que está a piques de ver unha onda de proxectos: 50, en total, nos que os adxudicatarios das licenzas aspiran a tomar decisión de investimento para finais de 2022. E estamos a falar de petróleo, de combustible fósil ao que, teóricamente, as nacións deben ir renunciando si, efectivamente, queremos ir a un mundo menos contaminado.  No caso de Noruega son pozos submariños, pero sen renunciar á eólica mariña. En España -en Galicia, máis en concreto- os soños céntranse en tres puntos distintos da nosa xeografía. Dúas delas, zonas moi importantes para a actividade pesqueira. Se os noruegueses non son quen de evitar a perforación de pozos petroleiros no seu mar, que se pode esperar das ideas de orixe privada e unha especie de deixarse ir gobernativo para dispor dunha enerxía que se cualifica de limpa aínda que prexudique ao sector pesqueiro e repercuta no consumo de peixe nun país como Galicia, enormemente peixeiro? .Non o teño nada claro. Abofé.