Record de solicitudes de axudas na ABE presentadas nunha única xornada

A Asociación Boirense de Empresarios (ABE) acadou este 14 de xullo unha cifra récord de solicitudes de axudas. Falamos de apoios para os seus socios requiridos nunha soa xornada. Foron un total de 20 peticións ao abeiro de dous programas da Xunta de Galicia o Cheque de Dixitalización e o Bono Autónomo.

Esta circunstancia, sinala a ABE, veu motivada pola coincidencia no tempo de dúas das liñas de axudas mais populares entre os autónomos. No caso do cheque vai dirixido a subvencionar proxectos que promovan a adaptación dos beneficiarios á situación creada pola COVID mediante a implementación efectiva de tecnoloxías dixitais en diferentes categorías como por exemplo sistemas de control de presenza (cámaras, sensores, sistemas de check-in echeck out), sistemas de control de capacidade (cámaras, sensores, sistemas en liña para sesións xestión de citas, etc), sistemas de catálogos diarios efémeros ou sistemas de notificación en móbil.

No caso do bono autónomo, os obxectivos resultaron ser moito máis amplos e abrangueron “case calquera investimento que teña relación coa actividade da empresa”, sinala a ABE.

Como indica o xerente da entidade, Tomás Estévez, “a rapidez e flexibilidade á hora da solicitude resultan clave para maximizar as opcións dunha resolución favorábel, xa que ambas son en concorrencia non competitiva, e dicir, as axudas outórganse por orde de entrada”. Neste sentido a ABE comezou a tramitar os expedientes as 00:00 horas da madrugada do luns ao martes, momento no que se abre o prazo para que así as socias e socios “tiveran moitas mas opcións de ser beneficiarios das axudas”.

En canto o importe das solicitudes suman mais de 55.000 € cunha porcentaxe de axuda do 80% o que, de concretarse, repercutirían en 44.000 € para os socios e socias da entidade.

“A ABE”, explica a asociación nun comunicado, “é unha das poucas asociación empresariais da comunidade que realiza o tramite integral de xestión de axudas públicas para os socios xa que a consecución de axudas para os socios e socias é un dos piares estratéxicos dentro dos obxectivos da asociación”.

A patronal boirense lembra que “no que vai de ano xa se publicaron mais de 100 liñas de axudas públicas para pemes e autónomos” e “aínda está prevista a convocatoria de varias ordes entre as que destacan as axudas á contratación e do fomento do emprego autónomo que tamén se tramitan na ABE”.