Porto do Son achega cinco experiencias únicas para descubrir as marabillas do concello

01 Xullo 2021

O Concello de Porto do Son presentou máis detalles da súa campaña Son infinitamente natural, destinada a fomentar o turismo sustentábel. En concreto, o alcalde do Concello de Porto do Son, Luis Oujo, e a tenente de alcalde, María Maneiro, deron a coñecer cinco rutas experienciais a través das que visitantes e turistas poderán explorar recursos con gran potencial.

Segundo apuntou o rexedor, “comeza o verán con moita ilusión e co obxectivo de axudar a impulsar a recuperación do sector turístico, unha das nosas fontes de riqueza”. Seguindo este fío, dixo, Porto do Son contará cunha imaxe natural, sustentábel, segura e cun patrimonio material e inmaterial “infinito do que desfrutar”.

Cómpre mencionar que a campaña é froito dunha exhaustiva consultaría realizada entre os meses de marzo e maio. Durante esta fase previa analizouse a situación do sector turístico e de todos os recursos vinculados ao patrimonio natural, histórico, gastronómico, cultural ou deportivo, tanxíbel e intanxíbel, de Porto do Son.

A partir deste momento, o proxecto levarase a cabo a través dun mapa-folleto en galego e en castelán e con información ampliada na web municipal (www.portodoson.gal) mediante códigos QR. De feito, a web convértese dende este mes de xullo “nun terceiro punto de información turística en formato 2.0”, sinalaron. Doutra banda, a iniciativa contará coa colaboración directa dos empresarios locais.

Resumindo, o proxecto consistiu na elaboración dunha enquisa para coñecer a opinión dos usuarios sobre cuestións estratéxicas e na creación dun directorio online no que, baixo as categorías Servizos, Que facer, Onde comer e Onde durmir, agrupouse a relación de empresas de ocio e actividades complementarias, restaurantes, bares e tapeo, tendas de alimentación ou aloxamentos nos que completar as experiencias das cinco rutas.

En canto ao mapa-folleto, repartirase entre o sector turístico e tamén estará dispoñíbel de balde na oficina de información turística do Museo Marea, no Centro de Información do Castro de Baroña, así como nos establecementos dos axentes turísticos de Porto do Son. Na mesma liña, o Concello tamén distribuirá entre os empresarios un lote de salvamanteis co mapa das novas rutas.

En xeral, as cinco novas rutas experienciais agrupan varios lugares que coñecer e levar no recordo en estadías de 1-2 e 2-3 días, creando ademais un suxestivo xogo de palabras co nome do municipio para personalizar aínda máis cada experiencia individual a través da palabra escrita.

Son Natureza convida a percorrer un patrimonio único en paraxes singulares como o Castro de Baroña, os petróglifos da Gurita ou de Laxe da Sartaña, os muíños de San Tomé, a ponte medieval sobre o río Sieira ou achegarse ao inicio do Camiño de Santiago pola ría de Muros e Noia, en Porto do Son, ou á travesía náutica xacobea, que ten entre os seus portos de referencia a mariña de Portosín.

Ademais, a campaña recolle diferentes actividades ao aire libre que poden desenvolverse no territorio e que se agrupan en Son Aventura: vela, mergullo, surf, windsurf, kitesurf, pesca deportiva, parapente, ciclismo, escalada vertical e sendeirismo local.

Do mesmo xeito, Son Eternocondensa unha experiencia máxica para levar no recordo fermosas panorámicas ou a luz do solpor desde case unha ducia de miradoiros ou enclaves emblemáticos do litoral. As praias da Aguieira, Area Longa, As Furnas, o faro Cabeiro, Fonforrón, o monte Enxa e o Tahúme ou o recentemente inaugurado miradoiro de Caamaño, entre outros, son algunhas das paradas obrigadas.

En canto as rutas Son Mar e Son Sabor, estas son dúas experiencias para vivir cento por cento o vínculo histórico de Porto do Son co mar. A primeira centrouse no oficio e na tradición e a segunda, na degustación dos mellores produtos que cada día se descargan nos portos locais.

Outros artigos

No Son abriu o prazo dos cursos creativos municipais

O Concello de Porto do Son abriu o prazo para participar na nova oferta de obradoiros e actividades formativas e creativas dirixidas á veciñanza para o curso 2026/2027. As clases darán comezo neste mes de outubro e abranguen disciplinas tanto artesanais como...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La gente”. Mario Clavell

“La gente”. Mario Clavell

En mis tertulias oigo generalizaciones tales ‘la gente escapa de Compostela’ o ‘la gente está hasta el gorro de Pedro Sánchez’ …  ¿Quién es la gente’?, ¿la sociedad?, ¿la nación?, ¿toda la nación?, ¿la colectividad, la humanidad? ‘La gente’ es demasiada gente y...

“Agresións, vexacións e torturas” – José Manuel Pena

“Agresións, vexacións e torturas” – José Manuel Pena

Desde Amnistía Internacional e algúns medios de comunicación están a denunciarse varios casos de agresións, vexacións e torturas, por parte dun grupo de militares españois, cara a algúns migrantes africanos chegados á cidade autónoma de Ceuta, algúns deles menores de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.