Patty Diphusa, Alba Grande, Tres Pesos e Raquel Queizás levan a Boiro os seus novos espectáculos

Prosegue estes días a axenda cultural de Boiro con propostas variadas para todos os públicos (aínda que poñendo o foco no público familiar) e en diferentes emprazamentos do concello. Este mércores 21 de xullo será a quenda do espectáculo Superharte de Patty Diphusa. Será ás 12.00 horas no esteiro do río Coroño.

Patty Diphusa estará en Boiro este 21 de xullo

Patty Diphusa é unha Hartista, con h maiúscula e o día 21 traerá a Boiro un pouco de Harte, e moito de Hamor. Durante 50 minutos Patty tentará chegar ao máis alto, literalmente, empregando para iso todas as habilidades ao seu alcance: bailando, trepando, inchando globos e incuso meténdose dentro deles,

O venres chegará a Boiro o espectáculo Historias para derreter cera, de Alba Grande. Será ás 21.00 horas no muíño do río Breiro. Trátase dun contacontos oficiado pola narradora Alba Grande, de 45 minutos de duración e dirixido a un público familiar. Cóntanos a historia dunha xograresa que chega co seu pandeiro coma unha ilusionista de verbas e cántigas, para contar historias de lumes pequenos e grandes, de fragas e paxaros, de serpes e mulleres. O espectáculo inclúe música, cancións e escenas de monicreques creados con obxectos. É unha proposta que reivindica o respecto pola diversidade e o medio ambiente.

Na mesma xornada do venres 23 é a quenda de Cando os animais cantaban, a cargo de Tres Pesos. Será ás 22.00 horas na praza da Terceira Idade. De 75 minutos de duración, é unha cita musical de folk-trad con tres instrumentistas e narradores: Felisa Segade (voz e percusións tradicionais), Estevo Lamas (acordeón, voz e percusións tradicionais) e José Antonio Ferreira (Pepe de Calo, gaita, clarinete, voz e percusións tradicionais). É unha homenaxe á “música como necesidade vital do ser”, a través dunha proposta de directo potente, fresco e variado.

Outras citas para subliñar na axenda

-Contacontos Raposadas, de Raquel Queizás. O sábado 24 de xullo ás 12.00 horas, na praza da Terceira Idade. A narradora e escritora Raquel Queizás cóntanos neste espectáculo a historia dunha raposa moi intelixente e curiosa, á que lle gusta vivir libre no monte mais tamén achegarse á aldea para ver xogar ás nenas e aos nenos e escoitar os contos que lles contan na lareira. Trátase “dunha colleita de contos populares de animais de tradición oral da nosa terra, que alimentaron, alimentan e alimentarán a moitas nenas e a moitos nenos galegos”.

Carman, Antes es Mejor, de Javier Ariza. O luns 26 de xullo ás 21.30 horas, na praza de Galicia. A partir do seu espectáculo Antes es Mejor, Javier Ariza realiza unha revisión e redirección integral con Carman, unha comedia rueira cun excéntrico showman e un Seat 600 cheo de sorpresas.

A contadora Raquel Queizás estará en Boiro por partida dupla

-Espectáculo Cinema Marabillas, a cargo de Raquel Queizás. O venres 30 de xullo ás 22.00 horas na igrexa do Carme de Cabo de Cruz. Cinema Marabillas é unha homenaxe ás primeiras adaptacións cinematográficas inspiradas nos contos marabillosos e nos libros clásicos da literatura. O obxectivo é “facerlles ver ás crianzas e as súas familias que esas historias que coñecen poden contarse de diferentes maneiras. Que descubran que o cine mudo é unha expresión que pode resultar moi divertida”.