O Náutico de Ribeira acolleu a presentación da XV Regata Gadis

Foto Juan Caballero

O Club Náutico Deportivo de Ribeira volve á palestra da competición velística da man dunha das grandes empresas galegas do sector da alimentación. Coa celebración da XV Regata Gadis cúmprense tres lustros de continuo apoio a unha cidade coa que GADISA sente identificada. Non en balde, no ano 1998, Ribeira albergou o primeiro Haley de Galicia, 23 anos desde entón, dos que os últimos 15 tiveron o seu gran protagonismo coa regata que patrocinan.
A XV Regata Gadis foi presentada esta mañá na biblioteca do Náutico, nun acto conducido polo presidente da entidade deportiva, José Luis Torres Colomer, e ao que asistiron o delegado de Gadis en Ribeira, Luis Vázquez; e o comodoro do club, José Luís Lomba.
“O pasado ano foi a única regata de Cruceiros que logramos facer, a pesar de todas as complicacións xurdidas co tema do COVID-19, pero con esforzo e cumprindo con todas as indicacións das autoridades sanitarias resultou ser un éxito”, comentaba Colomer. “Por todo iso e por seguir apostando por este club hai que estar moi agradecidos a Gadis por seguir confiando en nós”, terminaba dicindo o presidente do Náutico.
Lomba comentaba os aspectos técnicos da regata, aclarando que “con toda probabilidade escollerase un percorrido preparado para ventos frouxos, que é a previsión meteorolóxica para este sábado, un trazado polo interior da ría de Arousa con saída e chegada nas inmediacións do club”.

“En nome de GADISA e dos supermercados Gadis, queremos mostrar a nosa satisfacción por poder apoiar un ano máis esta regata, sobre todo polas circunstancias que requiriron unha implicación especial, un ano máis”, explicaba Vázquez.
“O apoio ás actividades deportivas, supoñen unha parte importante da nosa responsabilidade social”, detallaba o delegado de Gadis.
A competición, con saída prevista ás 14.00 horas do próximo sábado 17 de xullo, está destinada ás principais divisións do ORC: Regata, Cruceiro/Regata e Cruceiro, cunha participación estimada en algo máis dunha vintena de embarcacións.
O comité contempla ata 18 percorridos alternativos, todos eles de trazado costeiro fóra dun barlovento-sotavento, é dicir, un circuíto entre boias de tan só 6 millas se o vento fose de escasa intensidade. Todos os demais numerais da ampla listaxe ofrecen unha distancia media de 12 millas, uns 22 km.

Foto e texto de Juan Caballero