O Museo Municipal de Ribeira complementa a mostra sobre o Santa Isabel con visitas teatralizadas sobre o afundimento do buque

A Sala Museo Municipal de Ribeira vai achegar a veciños e visitantes a historia do buque Santa Isabel, afundido nas inmediacións de Sálvora no ano 1921, dun xeito innovador e diferente. En concreto, o Museo ofrecerá durante este verán visitas teatralizadas para mostrar os detalles da exposición temporal Bravura. Trátase dunha mostra de creación propia visitábel estes días no primeiro andar da instalación cultural con motivo do centenario do afundimento do buque.

A iniciativa foi dada a coñecer hoxe pola concelleira de Cultura, María Sampedro, xunto co responsábel do museo Miguel Ángel Vidal.

En primeiro lugar, haberá visitas dirixidas a grupos de 20 rapaces/as con idades a partir dos 6 anos que están a participar nalgún dos campamentos adheridos aos Bonos Concilia. Terán lugar os días 3, 4, 5, 10 e 12 de agosto, de 10 a 12 horas. A visita será teatralizada coa axuda dunha artista caracterizada de heroína de Sálvora que fará entender a historia do barco ante a rapazada, “dunha maneira amena e divertida”.

O prazo para anotarse arranca este 28 de xullo e conclúe o 6 de agosto. Os grupos interesados para a coordinación das visitas deben poñerse en contacto con Museo Municipal de Ribeira (ben a través do correo electrónico museo@ribeira.gal ou ben no teléfono 981 873 595, en horario de 12:00-14:00 e de 19:00-21:00 horas).

Estas visitas materializaranse máis adiante (arredor do 15 de agosto) con dúas viaxes á illa de Sálvora (estímanse 2 grupos de 125 persoas aproximadamente) cos rapaces/as que visitaron o museo. Contarase para esta visita con guías autorizados de maneira que se complemente a visita ao edificio municipal coa visita á illa mellorando a comprensión de toda a historia.

Visitas abertas

Ademais, tamén se ofrecen visitas guiadas teatralizadas con carácter aberto a familias e particulares, cun mínimo de 5 persoas e un máximo de 20. As persoas interesadas nestas visitas, que terán uns 45 minutos de duración, deberán ser concertadas previamente no seguinte contacto: por unha banda o correo electrónico museo@ribeira.gal e pola outra o teléfono 981 873 595. Estas visitas abertas están previstas para o 13 agosto e o 20 de agosto, en ambos casos de 12 a 13 horas.