A Xunta iniciará á volta do verán a obra da sala de endoscopias e o proxecto de ampliación do hospital da Barbanza

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou esta mañá o distrito sanitario de Barbanza acompañado polo alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz e pola xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Eloína Núñez. O titular da carteira sanitaria acudíu novamente ao hospital da Barbanza para coñecer de primeira man os posibles espazos que acollerán as obras de ampliación do centro comarcal anunciadas polo Presidente da Xunta no transcurso da súa visita ás novas instalacións do servizo de Urxencias o pasado ano. Ademais, o titular autonómico de Sanidade visitou os espazos que acollerán a nova unidade de endoscopias do centro, que comezarán a funcionar este mesmo ano.

En declaración aos medios de comunicación, Julio Comesaña insistíu na aposta do goberno galego polos hospitais comarcais, xa que desenvolve nestes intres procesos de mellora nos sete centros. Este compromiso vense sumar ao investimento xa realizado desde 2009 por valor de máis de 32 millóns de euros. Así, destacou, “os datos do Instituto de Estudos do Territorio amosan que o 85% da poboación galega atópase a menos de 30 minutos do seu hospital de referencia”.

A ampliación da hospitalización prevista no Plan Funcional aprobado pola xerencia da área sanitaria suporá un aumento dun 40% das camas do hospital barbanzá, pasando de 81 a 117, o que posibilitará que se reduzan as derivacións de doentes a Santiago. Segundo subliñou o responsable da Sanidade pública galega “este crecemento da hospitalización vai permitir unha maior proximidade dos pacientes ás súas familias e un incremento da capacidade cirúrxica do hospital, xa que poderá aumentar as súas intervencións cirúrxicas ao ter aseguradas as camas para o posterior ingreso dos doentes”.

Así, inclúe a creación dunha nova unidade de hospitalización materno-infantil con 12 habitacións individuais e outra unidade de 24 habitacións individuais para doentes atendidos polo servizo de Medicina Interna, cunha área específica para coidados paliativos. Xunto a estas novas habitacións a área de hospitalización dotarase dos espazos de apoio necesarios, como control de enfermería, salas de estar para doentes e familiares, almacéns e áreas de traballo para profesionais, entre outras.

Resta agora facer o informe de viabilidade estructural e implantación para confeccionar os pregos para a licitación do proxecto arquitectónico. “Agardamos poder licitar ese proxecto no outono para que no ano 2022 sexamos quen de licitar e axudicar o contrato de obra” manifestou o titular da carteira sanitaria da Xunta.

Nova área de endoscopias

A reforma integral da área de endoscopias ven de ser axudicada hai uns días polo que as obras poderán iniciarse trala formalización de toda a tramitación necesaria e estará rematada antes de que finalice este ano. Conta cun investimento de arredor de 200.000 euros que proporcionará unha mellora na calidade e confortabilidade desa área, así como a modernización dos procesos de asepsia e mellores condicións tamén para os profesionais. Os preto 130 metros cadrados que pasará a ocupar suporán un considerable incremento respecto á ubicación actual.

Esta melloras véñense sumar ás recentes obras acometidas no servizo de urxencias do hospital barbanzá que supuxeron un incremenrto dun 40 % da súa superficie grazas a un investimento de 1.7 millóns de euros.

Aposta polos hospitais comarcais

Continúa así a aposta da Xunta de Galicia polos hospitais comarcais, que se reflicte nun investimento de preto de 32 millóns de euros desde 2009 e obras de ampliación que incrementaron a súa superficie en case 14.000 metros cadrados, o que equivalería á construcción dun novo hospital comarcal.

De feito, nestes intres hai en marcha actuacións nos sete hospitais comarcais de Galicia. “Isto é significativo, pois demostra que este goberno cre en potenciar a rede de hospitais comarcais”, subliñou Comesaña, ao tempo que especificou que se acaba de adxudicar o proxecto da fase II do Plan Director en A Mariña; o proxecto de ampliación das urxencias de Verín; as obras nas consultas externas, o hospital de día e a farmacia de Valdeorras; están en marcha as obras do hospital de día e a farmacia do hospital de Monforte; a unidade de esterilización para o Salnés e estase a traballar para licitar tamén antes de rematar este ano unha reforma das urxencias do hospital de Cee