O Concello de Boiro cederá a Amicos o Centro de Formación de Espiñeira durante o verán

O Concello de Boiro e a Asociación Amicos asinaron este venres 16 de xullo un convenio para a cesión de instalacións no Centro de Formación e Viveiro de Empresas de Espiñeira. Isto levarase a cabo durante os meses de agosto e setembro para impartir o certificado de profesionalidade de Limpeza de Superficies e Mobiliario en Edificios e Locais.

A iniciativa, que se enmarca dentro do Programa Integrado de Emprego da Asociación Amicos 2020/21, permite impartir este certificado de profesionalidade, como xa se fixo anteriormente para outras actividades formativas dentro do mesmo Programa da Asociación.

Desta forma, o Concello de Boiro desenvolve, ademais, o Programa Integrado de Emprego do Concello de Boiro 2020/21, destinado a 100 mulleres desempregadas e demandantes de emprego.