O BNG ribeirense anunciou que van ter continuidade a peticións para “mellorar o Conservatorio Profesional de Música Enrique Paisal”. Tamén solicitarán “o aumento dos contratos e horas do profesorado para poder atender a demanda do alumnado”. Así o anunciou o concelleiro, Luís Pérez Barral, que dixo que o Goberno local “está a manter a incógnita, a un mes do comezo das aulas, de se aumentará o profesorado”.
Pérez Barral asegura que o centro precisa “unha reforma urxente que permita a insonorización das aulas evitando así o ruído do tráfico e atallando as humidades e o frío que rexistra no inverno e as altas temperaturas do verán”. E engadiu: “Non son pequenas manchas, estamos falando de que a humidade se estende polos tres andares e provoca a aparición de fungos que poden prexudicar a saúde do alumnado e do profesorado”.
Segundo dixo, outra das problemáticas que ten o Conservatorio é que “a maior parte do profesorado está contratado por debaixo das 30 horas o que provoca serios inconvenientes á hora de impartir as aulas, tendo que aglutinar tantos instrumentos como poden nunha mesma aula para os cales non existe repertorio común ou, simplemente, o seu conxunto non ten un interese nin musical nin didáctico para o alumnado”.
Desde o Bloque volverán reiterar ao Goberno local que, “ademais de aumentar as horas do profesorado, se contrate un especialista en pedagoxía infantil co que retomar a escola de música”. Segundo Barral, “hai demanda por parte das familias e a contratación deste especialista facilitaría a incorporación das crianzas desde os tres anos a 6 anos ao ámbito musical”.