No Son o Concello convídanos a participar este domingo na Ruta a San Benito

Ao abeiro do Ciclo de Rutas de Verán que impulsa esta tempada o Concello de Porto do Son, este domingo 11 de xullo toca poñernos as botas de camiñar. O motivo? A convocatoria da Ruta a San Benito, encadrada no dito ciclo de andainas, con saída ás 8.30 horas da fachada marítima de Porto do Son (a carón da Farmacia) e con regreso fixado pola conta de cada participante.

Serán 23 quilómetros de dificultade alta. A organización recomenda levar roupa e calzado deportivos e, tamén, auga para hidratarnos. Haberá prazas limitadas. Quen queira inscribirse pode facelo a través da conta de correo osoncamina@gmail.com. Contarase coa colaboración da Cruz Vermella de Noia.