Nace Galicia Olímpica, a nova website da Xunta con toda a información das galegas e galegos en Toquio

A Secretaría Xeral para o Deporte mantén activa dende o inicio dos Xogos Olímpicos de Toquio a nova website ‘Galicia Olímpica’ (galiciaolimpica.gal) na que recolle toda a información sobre os 21 deportistas olímpicos (mais outros cinco con licenza galega) e 14 paralímpicos (máis dous guías) galegos que participan nestas datas na celebración dos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de Toquio.

Ademais do calendario dos deportistas galegos con todos os detalles das probas nas que compiten, o espazo web tamén informa ao momento sobre os seus resultados. Do mesmo xeito, contén extensas entrevistas personalizadas para coñecer máis a fondo aos deportistas que compiten baixo a bandeira de Galicia.

A nova páxina web nace da colaboración entre a Consellería de Emprego e Igualdade e a Secretaría Xeral para o Deporte que ademais, axudan aos deportistas clasificados para os Xogos coas ‘Axudas Reto Galicia Tokyo con Igualdade 2021’ que achegan aos competidores galegos un total de 300.000 euros e das que xa se vén de publicar a súa primeira resolución. Deste xeito, todos os deportistas galegos clasificados levarán a Toquio a campaña ‘NON contra a violencia de xénero’.

En verbas do secretario xeral, a alegría do esforzo do olimpismo “é a que senten todos os integrantes da delegación galega que nos representará en Toquio. Unha alegría do esforzo implementada ao longo dos últimos cinco anos, nos que tiveron que resistir, ademais dunha pandemia, o adiamento duns Xogos Olímpicos e a pantasma da súa cancelación”.