En Boiro o mal tempo obriga a facer cambios nos concertos do programa de festas

A previsión de choiva durante toda esta semana levou ao Concello de Boiro a “reprogramar” as actuacións previstas nos dous escenarios do programa das Festas do Verán 2021. Así, acordouse trasladar todos os concertos á carpa prevista na praza de Galicia e adiar aqueles que non é posíbel “reprogramar durante esta semana”.

Deste xeito, na carpa instalada na praza de Galicia mantívose este sábado actuación de Gallaecia Big Band como estaba previsto ás 22.30 horas, así como o pregón das raíñas das festa ás 22.15 horas. O domingo ás 21.30 actuará Aroña e o luns, a partir das 21.30 horas os grupos Pains, Faul e Pídechas o Corpo, que ían actuar na praza do Centro Social. O martes estarán no escenario Xilbarbeira ás 20.30 horas e Abeloura ás 21.30 horas e o mércores Broken Peach ás 22.30 horas.

O grupo vigués Broken Peach

O concerto de Guadi Galego, que estaba fixado para o domingo pásase ao xoves, ás 22.30 horas e o venres será a orquestra Marbella quen protagonice o remate das festas ás 22.00 horas na praza do Concello.

A cantante galega Guadi Galego

Todas as persoas que tiñan reserva de entrada serán avisadas de xeito individual vía correo electrónico dos cambios e, debido a estes, seguirá tendo prioridade a reserva previa (pero poderase entrar ata completar aforo).

Os artistas e actuacións que non se puideron resituar nestes días quedan adiados para novas datas. Todos os espectáculos infantís previstos para as 12.00 horas foron xa resituados na carpa da Praza de Galicia e as actuacións de ruadas e sesión vermú das mañás mantéñense sen cambios. Aprázase tamén a tirada de fogos prevista para o domingo.