“Como galiña con pitos”. Antón Luaces

15 Xullo 2021

Sempre chamou a miña atención o comportamento das galiñas cos seus pitos, sempre pendentes de cada un deles, atentas ás máis mínimas demandas desas fermosísimas crianzas ás que procuran alimentos máis aló do previsible e amparan e defenden ata o estremo de morrer por elas se preciso for. Nunha ocasión mesmo fun testemuña de como unha galiña voou desde a eira ata o tellado dun hórreo tentando arrincar das poutas dun gavilán o pitiño que este apreixara nun visto e non visto e sen que ninguén poidera evitalo. 

Así de valentes e comprometidas son as galiñas cando de defender as súas niñadas se trata. E así de comprometida na defensa absoluta dos seus ven amosarse actualmente a conselleira do Mar, Rosa Quintana, co sector pesqueiro de Galicia -sen que isto poida interpretarse como un desaire para a política galega con máis anos de prestacións ao servizo do goberno galego- ao que nos últimos tempos semella prestar máis atención ca nunca. 

Baste coas decisións adoptadas polo seu departamento en so dous días desta semana para establecer fitos, que non comparanzas: a aprobación dunha partida de 350.000 euros para que este ano os Grupos de Acción Local do sector pesqueiro de Galicia intensifiquen a súa colaboración para facer fronte a retos como a remuda xeracional; o acceso este ano das organizacións de produtores pesqueiros de Galicia ás axudas para os seus plans de produción e comercialización que cadruplican as do ano anterior; ou o apoio da Xunta á unidade do sector do mar para adaptarse aos cambios derivados da pandemia e avanzar na recuperación.

Son só tres exemplos, tres, que resumen a frenética actividade da Consellería do Mar en somentes 24 das 48 horas transcorridas entre o mércores e o xoves da semana que andamos e que ben poderían ser de salientar porque en todos os casos os obxectivos son necesarios, indiscutibles, de aplauso sincero.Que está a pasar na Consellería de dona Rosa Quintana para que, día sí, día tamén, aparezan decisións que inciden ou tentan incidir nun dos sectores máis esquecidos pola Xunta malia ser dos que sempre está nos papeis da preocupación cidadá  e en boa parte das rifas políticas do Parlamento galego?. 

Hoxendía non pode achacarse o conto á proximidade de citas electorais (ao menos que se saiba). Debe interpretarse como a consecuencia de accións de goberno perfectamente avaliadas e aplicadas porque, realmente, son todas elas medidas necesarias que non digo deben ser de agradecer obrigatoriamente, mais sí de ter en conta.Porque, se en momentos de vacas fracas como os actuais poden botarse mans na aplicación de medidas como as citadas e outras de máis fondo calado aprobadas asimesmo nos días precedentes, que se pode agardar cando a choiva de millóns de euros que a Unión Europea vai espallar cal se hemorraxia fose polo conxunto de España de cara a propiciar unha recuperación económica e social que, certamente, todos desexamos, se leve a cabo?.

Será un non parar, calculo. Sinceramente, parabéns á conselleira do Mar, e o ánimo para que esa luz que alumea actualmente os que aparentaban ser ignotos vieiros do sector marítimo-pesqueiro non retornen ao lado escuro da inacción e os desleixo que, por moito tempo, foi o santo e sinal deste departamento tan absolutamente necesario para unha Terra chamada Galicia.E xa que atoparon o norte,  que fixen rumbo a manteñan nel a proa do barco da produción pesqueira polos anos dos anos, amén. 

Outros artigos

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...

+

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...