Alumnado adulto do IES Campo de San Alberto presenta un xogo interactivo sobre o patrimonio de Noia

O alumnado de educación para adultos do IES Campo de San Alberto, en Noia, vén de rematar un proxecto formativo, creativo e dinamizador sobre cinema e literatura, titulado En un lugar de esta aula…. Ao abeiro desta iniciativa as e os estudantes elaboraron unha guía pedagóxica e un xogo interactivo.

A guía contén un banco de actividades sobre 45 textos da literatura galega, española, portuguesa inglesa e iberoamericana.

O outro gran proxecto do grupo foi O Camiño das palabras, que é o nome do xogo interactivo, que funciona de xeito similar ao xogo da oca. O concello Noia é o fío temático condutor desta proposta innovadora de lecer e divulgación, a través dos gravados das laudas gremiais e petróglifos da contorna.

Os representantes do Concello de Noia aproveitaron para felicitar ao alumnado e ao profesorado “por tan bo traballo”.