O Concello de Boiro opta a incluír tres especies da contorna no Catálogo galego de árbores senlleiras, xestionado pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda comprometeuse a analizar as posibilidades do seu departamento para colaborar na mellora dos espazos naturais do Pazo de Goiáns, en Boiro.
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o alcalde, José Ramón Romero, mantiveron esta tarde unha reunión, na que abordaron este proxecto que impulsa a Administración local.
Nese sentido, Ángeles Vázquez indicoulle ao rexedor municipal a necesidade de que presente unha proposta de actuación, indicando exemplares a plantar e superficie e zonas concretas nas que actuar. Deste xeito, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural poderá analizar o contido do proxecto e encaixar unha posible de colaboración para executar esta mellora ornamental natural nos diferentes espazos do Pazo.
Así mesmo, no marco da xuntanza tamén se tratou a opción de incluír tres especies da contorna de Goiáns no Catálogo galego de árbores senlleiras, para o cal é preciso que o Concello presente a correspondente solicitude e que esta sexa valorada.
Cómpre lembrar que a Xunta facilitou a rehabilitación e conservación do Pazo de Goiáns outorgándolle ao Concello en 2017 un préstamo de algo máis dun millón de euros, ao abeiro do Fondo de Cooperación, o que lle deu a posibilidade de estar a devolver esa cantidade, sen xuros, nun prazo de oito anos.