Sexa unha persoa por amizade, un político, ou xente en xeral, se teño interese niso, no que adoito fixarme é nas coñecidas como patas de galo, esas engurriñas no ángulo dos ollos que só ten a xente que ri ou sorrí, o que indica que é persoa feliz e non un muermo que amarga a vida con traxedias afastadas e constantes.

Hai mortos viventes que che fan participes de traxedias que poderán ocorrer dentro de cen anos e que talvez non ocorran.
Persoas dun optimismo matemático un optimismo razoable son bos compañeiros de viaxe.
Hai un político que me falou de poesía, nomeoume a Machado e a Rosalía de Castro e por iso non vin nada máis, pois craso erro, cravouma até na alma, non me dei conta de que sempre ten cara de que lle deben algo e non lle pagan, ten as engurras entre cella e cella, o cal quere dicir que é un queixica, que sempre está de mal humor e esa xente non nos convén nin como persoas nin moito menos como políticos.
Hai outras no beizo superior, que indican o mesmo, desconfianza, envexa.
Coñecín xente que viviu unha vida amargada debido á desconfianza, até da súa mesma sombra, até do espello que proxectaba a seu mesma cara.
As engurras son a historia da nosa vida, o tempo escribe desa maneira, e é importante observalas. A engurra é bela e non porque o diga o meu paisano o modisto Adolfo Domínguez, é a resposta da emoción da vida vivida, hai quen bebe a vida a sorbos, ou dun grolo tristemente ou ao unísono co tempo.
Certo día cando o meu corazón quedou orfo de amor, desde o altar da igrexa pronunciei unhas palabras para o recordo, palabras de gratitude, ante un féretro que levaba parte da miña vida.
Hai un tempo para nacer,
e un tempo para morrer;
un tempo para plantar,
e un tempo para cultivar;
un tempo para chorar,
e un tempo para rir;
un tempo para estar de loito,
e un tempo para saltar de gusto;
un tempo para abrazarse,
e un tempo para despedirse;
un tempo para amar
e nunca un tempo para o desamor.
Unha das cousas máis belas da vida é envellecer con dignidade.
Ser consciente das nosas capacidades.
Nunca deixar de ser neno, pero saber cando e onde.
Estar cabalmente tolo, sabendo cando, onde e con quen.