En Ribeira este domingo a procesión de San Cristovo inclúe homenaxes a Pachi Santamaría, Peli Sieira, Lucho Pérez e Miguel Francesch

A Procesión de San Cristovo regresará ás rúas de Ribeira este domingo 11 de xullo baixo a organización do Concello e a Asociación Alfaia coa colaboración da parroquia de Santa Uxía. A cita principiará ás 10.00 horas cunha concentración de vehículos na explanada portuaria para ofrecer a continuación ás 11 horas unha actuación do grupo de gaitas Tahume.

Máis tarde, ás 12 do mediodía, celebrarase unha misa solemne na igrexa parroquial de Santa Uxía en memoria de todas as persoas falecidas en accidentes de tráfico e en especial a Pachi Santamaría, Peli Sieira, Lucho Pérez e Miguel Francesch. Ao remate terá lugar no adro unha ofrenda homenaxe.

Acto seguido e para finalizar o evento desenvolverase o tradicional desfile de San Cristovo acompañado do grupo Tahume e do club Reventapistóns ata o Malecón, onde se realizará a bendición e posterior percorrido con vehículos e camións co seguinte percorrido: Malecón, García Bayón, Paseo das Carolinas, Avenida da Coruña ata o IES Número 1, regreso a Padín, Lepanto, Miguel Rodríguez Bautista, Alcalde Fernández Bermúdez, Rosalía de Castro, Galicia e remate na Porta do Sol.