A páxina de Monte Pindo Parque Natural acada o medio millón de visitas

O espazo dixital da Asociación Monte Pindo Parque Natural vén de acadar a súa visita número 500.000, en palabras dos responsábeis da entidade ambiental e cultural con sede no concello de Carnota “un fito impensábel cando naceu o noso colectivo aló naquel outono de 2010”. Este logro, explican, “certifica que a loita en defensa do Monte Pindo non é cousa de catro veciñas senón un auténtico clamor social que ata traspasa fronteiras”.

A asociación tamén fai saber que o éxito de seguimento da súa web non vén acompañado, por desgraza, de novos e importantes avances a respecto da súa principal petición: converter o macizo do Pindo (Carnota) e a súa contorna nun parque natural, co fin de avanzar na súa protección, na súa visibilidade e no seu potencial en materia de rendemento sustentábel. “A nosa causa”, explican, “segue estancada exactamente no mesmo punto, pois xa venceu a batalla máis importante, a dos argumentos, e a día de hoxe xa só atopa en contra a senrazón dun Goberno autonómico, único responsábel da súa aprobación, que segue na súa negativa irracional e obstinada negando o que é un clamor popular incontestado, que é a declaración de Parque Natural”, explican.