A Audiencia absolve a un garda civil de Boiro acusado de apropiarse dunha lancha

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña absolveu dos delitos de apropiación indebida e contra a administración de xustiza ao garda civil que exercía, entre o 15 e o 19 de abril de 2003, como xefe da área de atención ao cidadán de Boiro. A Fiscalía acusábao de apropiarse, en exercicio das súas funcións, dunha embarcación que o seu dono lle entregara para supostamente proceder á súa destrución ou depósito para evitar que lle impuxesen unha infracción administrativa, pois carecía de documentación.

A Audiencia destaca que non se acreditou que o valor da lancha superase os 400 euros, polo que conclúe que “nos encontraríamos ante un delito leve, cuxo prazo de prescrición sería de seis meses”. Por esta razón, segundo a sentenza, “procedería a apreciación da extinción da responsabilidade penal derivada dos feitos que se cualifican como apropiación indebida”. En canto ao outro delito, os maxistrados aseguran que non se acreditou que en 2006 o acusado, dirixíndose ao denunciante, proferise a expresión: “Ti e o teu irmán ides acabar no cárcere”.