A ANPA de Palmeira solicita reunirse co xefe territorial de Educación para tratar a supresión de dúas aulas

O alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz confirmou á dirección do CEIP de Palmeira a firme decisión da Consellería de Educación de suprimir dúas aulas de infantil no centro. Ante esta postura, a ANPA solicitou unha reunión urxente co xefe territorial de Educación.

O rexidor comunicou á dirección que a Consellaría non arrecúa na súa decisión pois, segundo eles, suporía aplicalo tamén noutros centos de colexios en situación similar. Ante esta postura, esta ANPA decidiu solicitar unha reunión co xefe territorial.

ESTE É O CORREO QUE LLE ENVIA A ANPA DO CEIP DE PALMEIRA:

Solicitude de reunión co xefe territorial con carácter de urxencia

Boa tarde,

Coa presente, a Asociación de Nais e Pais do Colexio Público de Educación Infantil e Primaria Plurilingüe de Palmeira, solicitamos unha reunión co xefe territorial da A Coruña, Indalecio Cabana Leira.

O MOTIVO que nos leva a facer tal solicitude considerámola de gran importancia,  polo perigo que corre a calidade na educación galega ao ser vítima de una serie de recortes no número de aulas e recursos humanos.

Somos conscientes de que coma nos, existen varios centros que sufrirán as consecuencias desas reducións. No noso caso particular, o CEIPP de Palmeira sufrirá a supresión de dúas aulas de Educación Infantil, en lugar de una soa, e non se lle vai conceder o número de PTs e ALs que precisa para dar cobertura a todo o alumnado con NNEE do centro.

EXPOSICIÓN: Entendemos que o número de alumnado matriculado para o vindeiro curso é inferior ao do ano anterior, pero tamén supón un aumento no número de alumnado con necesidades especiais; algo que xa de por si debería supor una redución do ratio, con independencia da necesidade de aumentar o persoal de apoio docente.

•             Isto tradúcese en aulas con case 25 alumnos/as; un ratio legal pero claramente a modificar se queremos falar duns mínimos de calidade no ensino. Con eses ratios, o alumnado non recibe a educación nin a atención que precisa. Co consecuente aumento no risco de fracaso escolar.

•             O colexio conta cun 23% do alumnado diagnosticado de NNEE de diferente índole, e un número indeterminado de rapaces e rapazas con trastornos no aprendizaxe e no linguaxe (Dislalias, Dislexia,…) derivados externamente porque no colexio o equipo de orientación non pode axudalos a todos. Precisarían 4 PTs (3 propios +1 compartido) e 3 ALs (2 propios + 1 compartido) para cubrir só os casos máis graves, pero fóronlle denegados.

•             Non debemos esquecer ademais, o feito de atoparnos aínda en pandemia, o que supón un aumento no risco de contaxios entre as crianzas e os seus docentes.

•             Preocúpanos a saúde mental dos noso claustro, pois é imposible que sexan capaces de cumprir coa súa labor de educar a todas as crianzas e detectar nelas as diferentes formas de evolución e necesidades educativas. Traducido nun aumento no risco de Baixa laboral e as consecuencias directas sobre os nosos fillos e fillas.

•             As familias xa empezan a preocuparse polo futuro dos seus fillos e fillas, e solicitan asesoramento legal ante as posibles consecuencias, danos e prexuízos demandables á Administración responsable.

Nesa reunión queremos expoñer estes temas e SOLICITAMOS 4 aulas de Educación Infantil e o persoal de apoio (PT, AL) necesario para cubrir as necesidades do alumando do CEIPP de Palmeira.

Se non, estamos seguros que esta xeración pagará co seu futuro, as decisións dunha Consellería na que confiamos recapacitará e tomará a mellor decisión para eles, agora e sempre.

Agardamos unha pronta resposta e agradecemos moitísimo toda a atención prestada,

Atentamente,

A XUNTA DIRECTIVA da ANPA do CEIPP de PALMEIRA