25 Xullo: Ofrenda Nacional. O Rei apela á esperanza e á unidade na Ofrenda ao Apóstolo

Foi esta a terceira Ofrenda ao Apóstolo de Filipe VI dende que é rei. A primeira fíxoa no 2014 ao pouco de acceder ao trono e a segunda o ano pasado, no marco da xira que os reis fixeron pola España de despois do confinamento. Nesta ocasión a familia real ao completo cumpre coa tradición da Coroa de estar en Santiago no Ano Santo, nunha cerimonia especial porque a misa do Apóstolo volveu ao seu lugar tras dous anos celebrándose en san Martiño Pinario polas obras na catedral. Pero, coma o ano pasado, a pandemia presidiu a invocación. “Quero reiterar nesta Ofrenda o orgullo e respecto que, como español, sinto polo noso pobo; pola súa determinación para superar definitivamente esta situación”, afirmou Filipe VI.

Na Ofrenda o Rei fixo varias referencias á esperanza, a solidariedade e a unidade que inspiran, dixo, os valores xacobeos e simboliza o Apóstolo. 

“Ao redor del, como nas apertas que lle dedican os peregrinos, uniuse España e únese Europa. En torno á súa memoria érguese unha catedral maxestosa que representa a busca dun ideal compartido por millóns de persoas; unha catedral que representa tamén unha vitoria da esperanza sobre todas as “negras sombras” das que se laiaba Rosalía de Castro”, dixo Filipe VI.

Na súa resposta-homilía, o arcebispo de Santiago lembrou as vítimas de Angrois e da pandemia e pediu pola convivencia.
“Acollo a vosa Ofrenda, maxestade encomendo á intercesión do Apóstolo Santiago a todos os pobos de España, para que manteñamos unha convivencia fraterna non esquecendo as nosas raíces”, respostou Xulián Barrio.
O botafumeiro volveu pechar a misa do Apóstolo nunha catedral renovada para este Ano Santo.