
O salón de plenos do consistorio ribeirense erixiuse esta mañá nun epicentro para a reflexión sobre a seguridade viaria a través dunha xornada na que reputado expertos ofreceron a súa visión sobre o tema. A actividade encádrase na Consulta Preliminar ao Mercado que o Concello de Ribeira pon en marcha para atopar solución innovadoras que diminúan esta problemática e lograr uns pasos de peóns máis seguros.
A concelleira de Innovación Tecnolóxica, Ana Barreiro, foi a encargada de abrir a xornada, onde explicou que o Concello de Ribeira quixo “dar un paso ao fronte para integrar o instrumento das Consultas Preliminares do Mercado, considerada unha boa práctica en contratación pública coa que se pode innovar en gran medida. De seguido,
o sarxento primeiro Daniel Castelo, coordinador do grupo de traballo de seguridade viaria, manifestou que “os accidentes viais son evitables” e quixo formular tres preguntas reflexivas sobre os pasos de peóns: hai suficientes? Os viandantes están concienciados sobre o seu uso? Seu deseño e ubicación son seguros?
A xornada serviu para que analizar a situación actual da seguridade viaria no municipio. Segundo afirmou Francisco Menéndez, director da Axencia Galega de Infraestruturas, “os accidentes de tráfico, na súa maioría prodúcense preto dos domicilios das persoas que os provocan”. Tamén se aludiu á intervención na travesía de Palmeira, un proxecto impulsado pola Xunta duns 2,2 millóns de euros que ten como obxectivo aumentar a seguridade viaria.
Por último, o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, interveu para engadir que o Concello planea investir como mínimo 100.000 euros para mellorar a seguridade viaria. “A tecnoloxía pode axudar a que baixe a sinistralidade, mais nunca pode substituír o sentido común”.
