Os veleiros participantes na Travesía Navega el Camino, impulsada por North Marinas, recalaron este 17 de xuño (por segundo ano consecutivo) no Náutico Arousa Norte Pobra, onde foron recibidos polo alcalde e vicepresidente da Mancomunidade Barbanza Arousa, Xosé Lois Piñeiro; a concelleira do Turismo, Charo Varela; o rexedor de Boiro, José Ramón Romero; e a xerente da Mancomunidade, Fátima Cachafeiro. As 35 persoas participantes na travesía foron convidadas a xantar no restaurante do Náutico.

Son as tripulantes de sete embarcacións, das cales o veleiro Kais está capitaneado pola campioa olímpica Ángela Pumariega, cunha tripulación feminina formada por profesionais do deporte, a educación, a ciencia e o coaching. Por certo que nas diferentes etapas acollen a bordo a diferentes profesionais do sector marítimo. O obxectivo: mostrar as importantes contribucións das mulleres ao desenvolvemento dese ámbito e promover a gran variedade de vocacións vencelladas ao mar.

Logo do xantar, tres mariscadoras da Asociación Mar da Pobra impartiron unha charla sobre turismo mariñeiro ao tempo que se proxectaba un vídeo sobre a materia. Explicaron así en que consiste o seu traballo, ademais de ensinar o instrumental que empregan e os diferentes bivalvos que extraen dos areais do municipio pobrense.

As actividades concluíron coa entrega dunha bolsa de agasallos -conformada por material promocional do turismo- para cada unha das persoas asistentes.

Chegarán no día 19 a Santiago de Compostela, realizando o último tramo do Camiño a pé, despois de percorrer a vela parte da costa atlántica norte, con saída de Hondarribia no 4 de xuño.