A plataforma Stop Deshaucios Barbanza vén de achegar novidades sobre o caso da familia en situación vulnerábel da Catoira que, tal e como reflectimos hai uns días dende este medio, atópase en risco de ficar na rúa por mor dunha sentencia. Co fin de impedir este proceso, o letrado colaborador da plataforma Tomás Santodomingo Harguindey, e a procuradora Marta Delgado Fontáns, presentaron este luns 31 de maio un escrito de oposición á demanda executiva en solicitude de execución provisional para evitar o desafiuzamento da familia.
![](https://i0.wp.com/obarbanza.gal/wp-content/uploads/2020/11/stop-deshaucios.jpg?resize=1024%2C600&ssl=1)
No devandito recurso realízanse diversas alegacións en relación ao artigo 528 da Lei de Enxuizamento Civil. A modo de resumo alégase sobre “o imposíbel cumprimento da execución provisional da sentenza, debido á situación de vulnerabilidade da familia”, a este respecto anúnciase escrito solicitando “suspensión de lanzamento” nos supostos dos apartados 2º, 4º e 7º do artigo 250.1 LEC no caso de persoas economicamente vulnerábeis sen alternativa habitacional (art. 1 bis RDL 11/2020) para “o improbábel caso de que se ditamine o desafiuzamento da familia”.
Así mesmo, as alegacións inclúen argumentos sobre “o prexuízo irreparábel que soportaría a familia en caso de ser desafiuzada, máis aínda se temos en conta que estamos ante unha casa nunha herdanza non repartida, que se non se adxudicou aos seus actuais propietarios é porque o procedemento de división xudicial da herdanza non foi tan rápido como o de desafiuzamento en precario que instou a co-herdeira demandante, que ostenta o dereito de lexítima da herdanza e á que ningunha utilidade lle reportaría desaloxar á súa irmá e á súa familia da casa, xa que ela vive na provincia de Alacante”.
Co recurso xúntase, como documento esencial do mesmo, un escrito do alcalde de Catoira no que este manifesta “a plena integración social e familiar no municipio da familia á que se pretende desaloxar”, no que o rexedor pide ao xulgado que teña en conta esta circunstancia á hora de adoptar unha resolución sobre o desafiuzamento.
Así mesmo, o Departamento de Servizos Sociais do Concello de Catoira, a través do seu responsábel, María José Pardal Castiñeiras, tamén realizou un escrito achegado ao recurso, no que manifesta que o Concello de Catoira non dispón de alternativa habitacional para a familia no caso de que sexa desafiuzada, así como que manifesta a súa preocupación polas repercusións familiares, sociais e persoais que sufriría a familia e, especialmente, os dous nenos que a conforman, no caso de que o Xulgado decida o desafiuzamento.
A Plataforma Stop Desafiuzamentos Barbanza quere agradecer, expresamente, “a xenerosa implicación do alcalde de Catoira, Alberto García, así como tamén do concelleiro socialista Francisco Javier César Costoya e do grupo municipal do PP de Catoira, cuxo responsábel, Iván Caamaño, entregou un escrito de apoio á familia”. A plataforma lembra que o devandito escrito tamén se achegou co de oposición á execución. “Todos eles mostraron un gran apoio e empatía ante esta difícil situación que atravesa unha familia do municipio viquingo”, engade a entidade solidaria da nosa comarca.