O pregón da ribeirense Julia Alonso marca un dos puntos álxidos das celebracións locais do Orgullo LGTBIQ+

Ribeira está a celebrar estes días, ao longo de toda a semana, o Día do Orgullo LGTBIQ+ (este 28 de xuño), e faino cun amplo programa de actividades, entre os que se atopan diversas accións de divulgación e conmemoración, vídeo-conferencias ou o engalanamento de múltiples elementos do concello (incluídos os bancos decorados co bandeira LGTBIQ+ que veciños e residentes tiveron xa ocasión de estrear). Sen dúbida unha das actividades estrela do programa foi o pregón por vídeo-conferencia achegado pola ribeirense Julia Alonso, quen fixo un proclama a prol dos dereitos de todas as persoas trans da nosa terra.

Nun vídeo de oito minutos gravado en Talavera, o lugar onde reside actualmente, a ribeirense quixo alzar á voz no nome de todas as persoas transexuais no seu pregón inaugural do Día do Orgullo LGTBIQ+: un acto celebrado no salón de plenos do Consistorio co que arrincou a programación de eventos e actividades organizada polo Concello a través do CIM de Ribeira e que se prolongará ata este sábado.

Antes da emisión deste pregón nun acto que contou coa asistencia de representantes do Executivo local, familiares da pregoeira e outros veciños, tomou a palabra alcalde Manuel Ruiz, quen lembrou os antecedentes que deron pé en Stonewall á celebración do entón chamado Día do Orgullo Gay, que ano tras ano vai enchendo as rúas de medio mundo. “Se ben é verdade que temos percorrido bastante en avanzar en dereitos aínda nos queda, creo, a maior parte dese camiño”, afirmou, recordando a continuación “a importancia da educación, o respecto e a tolerancia para seguir indo cara adiante”.

Julia Alonso comezou a súa intervención presentándose (“algunas personas, por suerte una minoría, me conocerán seguramente como la tía que antes era un tío; la mayoría de las personas me conocen como una vecina, una amiga, una hermana, una hija, y eso al fin y al cabo es lo que soy y lo que somos todas las personas trans: personas normales y corrientes”). Despois remarcou o momento de debate que se está a vivir en relación á Lei Trans: “Creo que es interesante que conozcáis también nuestro punto de vista”, dixo, e describiu a situación de persoas trans que coñece botadas da súa casa, que sufriron humillacións e vexacións físicas ou que tiveron que recorrer a prostitución, e invitou a que todos os que teñan dúbidas a que lean a devandita lei para coñecela por si mesmos.

Julia Alonso manifestou que por norma xeral en Ribeira recibiu un trato excelente por parte da xente e manifestou que se alguén que está vendo o vídeo está pasando por algo similar ao que ela pasou cando transicionou lle dá todo o seu ánimo, amor e apoio.

Actuación musical

Unha vez concluído o acto institucional, o programa continuou coa actuación musical de Astrogirl na praza do Concello

O calendario de eventos conmemorativos proseguirá o venres 2 de xullo de 10 a 14 horas cunha Feira do Orgullo LGTBIQ+ na praza do Concello coa participación das asociacións Avante LGTBIQ+ Compostela, Alas Coruña, Nós Mesmas e Chrysallis. Ás 12 horas celebrarase un contacontos de Caxoto denominado Planeta LGTB mentres que ás 13 horas haberá un obradoiro de globoflexia.

Ese mesmo venres ás 20 horas no Salón Cultural Lustres Rivas proxectarase o audiovisual Noite irisada. A acción está promovida pola Deputación da Coruña e estará seguida dun debate entre os asistentes. E ás 22 horas no paseo do Malecón terá lugar o espectáculo Fraquetazzo DJ, para todos os públicos.

Por último, o sábado 3 de xullo de 12.30 a 14 horas as rúas de Ribeira acollerán o pasarrúas Discotecla.

Redes sociais

De xeito paralelo estase a desenvolver en Facebook a campaña Ribeira con Orgullo na que as persoas que queiran participar só teñen que tomar unha fotografía nalgúns dos motivos alusivos á iniciativa espallados polo municipio (bancos e bandeirolas) e citar no seu post a conta @CIMRibeira xunto coas etiquetas #Ribeiraconorgullo, #RibeiraDiversa e #Ribeirasumadiversidade.

Quen queira ver o pregón, sinalar que está dispoñíbel a través da Rede para a súa reprodución.