O palmeirán Pemón Bouzas e Víctor Freixanes debullan as infinitas conexións da literatura galega co mar

03 Xuño 2021

O escritor e xornalista palmeirán Pemón Bouzas foi un dos protagonistas, este 2 de xuño, dun coloquio-xornada sobre as múltiples e ensarilladas ligazóns da temática mariña na nosa literatura. Estamos a falar do parladoiro Galicia navegante no imaxinario literario que se desenvolveu en Tui, organizado polo Consello da Cultura Galega e coa presenza dos man dos escritores Víctor Freixanes e Pemón Bouzas, con Ramón Nicolás como moderador.

A cita foi unha da actividades complementarias da exposición Inventio mundi que se pode ver na localidade pontevedresa ata o 9 de xuño e que documenta unha parte descoñecida da historia da navegación galega.

Un dos eixes da charla foi a obra O Triángulo inscrito na Circunferencia, a primeira novela de Víctor Freixanes (Pontevedra, 1951), un clásico das nosas letras que transcorre abeirado ao Mar dos Espellos: “A miña interpretación é que o mar para Galicia non foi tanto unha aventura de descubertas do mundo, senón que teceu outras redes vencelladas máis a unha forma de sustento” apuntou o escritor, que considera que a historia da literatura galega cristalizou en tres visións complementarias do mar.

A primeira delas é a do mar na lírica e na poesía, que é a que inspirou aos trobadores galego portugueses nos seus cancioneiros. A segunda lectura é a do mar das grandes descubertas. Afirma Freixanes que “nesta literatura Galicia xa non está presente e os nosos navegantes circularon baixo outras bandeiras, nomeadamente a de Portugal, que coincide coa crise da Galicia que perde poder”.

Esta segunda liña é a que se nutre de personaxes históricos como Xoán de Novoa, natural de Maceda, ou de Pedro Sarmiento de Gamboa ou Álvaro de Mendaña, tamén de procedencia galega. Nesta liña encaixa tamén a literatura de Pemón Bouzas (Palmeira-Ribeira, 1957), un escritor cunha ampla bibliografía con títulos relacionado co mundo do mar e os seus navegantes. Na súa intervención destacou que “fago ficción pero quero apoiarme en fitos históricos sobre a presenza dos galegos nas grandes exploracións do océano pacífico”. En detalle, no parladoiro realizou un repaso sobre a investigación histórica que realizou ao redor de figuras históricas da navegación galega como foron Mourelle de la Rúa e Francisco Caamaño. Son navegantes posteriores á época que se conta en Inventio mundi pero forman parte desa historia de aventuras, de navegación do mar.

A charla serviu tamén para facer un repaso da literatura arredor do mar de autores como María Solar e a expedición Balmis, que contou en Os nenos da varíola, ou de Rivadulla Corcón, Xurxo Souto, Paco Souto, Manuel Antonio ou Hixinio Puentes. Tamén se falou de José María Castroviejo que, aínda que en castelán, mesturou fábula, maxia, terra, gastronomía e mar.

Complemento da mostra

A actividade foi como dixemos un complemento da exposición Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas. Séculos XV – XVII. A mostra comisariada por Ofelia Rey Castelao, inaugurouse en 2019, para conmemorar o quinto centenario da saída da expedición Magalhães/Elcano que completaría a primeira circunnavegación do planeta e para amosar as consecuencias que aquela viaxe tivo para Galicia. A exposición, que se pode ver en Tui ata o 9 de xuño, inaugurouse en Pontevedra desde onde iniciou o seu percorrido por Vigo e A Coruña.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión