“O naufraxio do Sempre Güeto, aberto a especulación”. Antón Luaces

Á espera do informe da Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) sobre o acontecido no naufraxio do cerqueiro de Portosín “Sempre Güeto” fronte aos cantís de Santo André de Teixido, circulan agora todo tipo de especulacións, moitas delas publicada nas redes sociais.
Se para a asociación de titulados náutico-pesqueiros AETINAPE as conclusións da CIAIM  “deben facer reaccionar ás institucións para tomar máis en serio este tipo de siniestralidade laboral”, para o xefe de máquinas da Mariña Mercante Benxamín Sande, moi experimentado por estudos e días de mar realizados, “ultimamente hai moito inexperto en enxeñerías que, sendo e recoñecendo que son recén titulados e, polo tanto, carentes de experiencia, asinan proxectos que ninguén revisa a posteriori”.
Benxamín Sande, que foi asesor do programa “Españoles en la mar” na súa edición mundial en Radio Exterior de España, mantivo unha sección semanal neste programa sobre novas tecnoloxías. Coida que a súa opinión quedou corroborada coa comprobación realizada no buque de prácticas da escola náutico-pesqueira de Vigo, ao que houbo que lastrar con oito toneladas de ferro que se depositaron no fondo do barco porque este “bailaba” en canto se poñía en marcha.Sería o  caso do “Sempre Güeto”?. Ninguén o pode saber certamente. Só o seu patrón e os tripulantes que sobreviviron a experiencia do desgraciado naufraxio poderán dicilo con máis certeza; pero a carencia de lastre dabondo é o argumento máis socorrido, xunto co sobrepeso na cuberta ou o reparto de pesos tamén na cuberta. E a falta de estabilidade dos barcos de fibra, que critican os mariñeiros máis experimentados consultados por O Barbanza. Mariñeiros que botan de menos os barcos de madeira con boa quilla que deixaban no mar un ronsel que hoxendía non deixan os de fibra porque estes teñen o fondo máis plano e, obviamente, con menos quilla.

O Sempre Güeto no porto de Ferrol

Mariñeiros que lembran casos recentes aínda de naufraxios e traxedias como  os do “Ameixa”, de Cesantes, ou o “Sin querer 2”, de Portonovo, aos que se refiren para  lembrar que foran modificados na eslora (alongados) e que ambos os dous afundiron cando regresaban da costeira do Cantábrico. Barcos con pouco calado e moito sobrepeso na cuberta. Barcos con pouco calado e pouca quilla, repiten. Ou, como dí en redes sociais (facebook), Miguel Torres, “se non hai lastre, non se poden facer castelos no aire. Dame quilla e farei millas”.

Juan Saavedra Sánchez expresa que “cando o centro de carenas se achega ao centro de gravidade dun barco -e esto sucede cando subimos un corpo ou peso elevado, ou tamén cando se xoga co búnquer e deixamos superficie libre- estamos a facilitar que envorque o barco”. Resume Manuel Tedín Devesa: “Cada patrón ten que saber que barco leva nas súas mans”. E ninguén pon en dúbida a sabedencias ou preparación do patrón do “Sempre Güeto”, porque a análise é xeral. De aquí que Juan Sebastián Rey Piñón comente que “O mellor é que os que saben fagan o seu traballo. Ás familias dos tripulantes do pesqueiro de Portosín impórtalles pouco o metacentro, o centro de empuxe (ou pulo), o mar de fondo ou o adrizamento. Non máis mortos no mar”.

Opinións para todos os gustos, pero que converxen no fundamental: son barcos rápidos e, en moitos casos, carentes de estabilidade:Heriberto Besada Álvarez: “O problema chámase GZ (ángulo de adrizamento), que se resolve facendo gasoil antes de realizar unha ruta así, despois dunha campaña. Dobres fondos, sempre cheos”.E para Tiago Aris, “ao regreso da campaña do bocarte, estas situacións son incriblemente normais. Dous aparellos na cuberta, bodegas valeiras e gasoil mínimo para chegar a porto de destino”.

Resúmeo Benxamín Sande: “Falta formación. E non me refiro só aos estudos teóricos. Tamén falta moita práctica”.E, obviamente, sae unha vez máis a remuda xeracional,  na que concorda tamén a maioría: “Con bos salarios hai xente para traballar no mar, máxime se a bordo dos barcos hai zonas de habilitación axeitadas,  horarios de traballo máis humanizados e condicións de traballo semellantes a aquelas das que dispoñen os mariñeiros doutras frotas”. É, tamén, o que demandan os titulados náutico-pesqueiros desde vai ano, a través da súa asociación AETINAPE..