JEALSA amplía a certificación MSC para o atún listado do océano Atlántico

A conserveira boirense JEALSA vén de obter un novo e importante recoñecemento en materia de economía circular e sustentabilidade. Máis en detalle, foi quen de ampliar a certificación MSC para atún listado (Katsuwonus pelamis) do Atlántico, a primeira pesqueira desta especie certificada no devandito océano. Por certo que JEALSA e os seus barcos da división Sant Yago xa tiñan o certificado do atún rabil pescado a banco libre na mesma contorna marítima. O recoñecemento é froito dunha pormenorizada e exhaustiva auditoría desenvolvida durante oito meses pola entidade Marine Stewardship Council (MSC).

O proceso de extensión do certificado desta pesqueira comezou o pasado 24 de setembro de 2020 co anuncio público e a presentación do primeiro diagnóstico preliminar, Announcement Comment Draft Report (ACDR, polas súas siglas en inglés).

JEALSA lembra que o proceso seguiu “os mesmos pasos que calquera avaliación completa baixo o estrito estándar de pesqueiras de MSC, incluíndo a revisión por pares, a visita de terreo, o proceso de presentación de alegacións por parte de todas as partes interesadas e os distintos informes intermedios publicados na web de MSC”.

A conserveira engade que tanto o atún rabil ou de aleta amarela (Thunnus albacares) como o atún listado (Katsuwonus pelamis) son capturados polos barcos Sant Yago I e Sant Yago III, e a certificación conseguiuse para a modalidade de banco libre (non inclúe o método de pesca con obxectos flotantes). Ambos os produtos poderán levar o selo azul de MSC tras demostrar a sustentabilidade da pesqueira unha vez superado con éxito o máis esixente proceso de auditoría pesqueira respecto ao estándar MSC, tras oito meses de avaliación.

A certificación de JEALSA foi levada a cabo polo certificador independente Bureau Veritas.

“Preto do 30% das capturas mundiais de atún atópanse actualmente certificadas baixo o estándar de pesca sustentábel de MSC, ao que se suma esta certificación de atún listado pescado a banco libre no Atlántico liderada pola empresa JELSA, á cal felicitamos pola súa aposta pola sustentabilidade dos recursos mariños e polos seus importantes avances na comercialización de atún co selo azul de MSC”, explicou Laura Rodríguez, directora de MSC para España e Portugal.

Ángeles Claro, directora de Sustentabilidade de JEALSA explica que “esta certificación MSC para as capturas de skipjack fad free no Atlántico súmase á que xa tiñamos para a captura de atún rabil e supón un gran paso cara ao obxectivo de certificar a totalidade das capturas realizadas pola nosa frota. Esta acción enmárcase nos obxectivos do noso programa We Sea, baixo o cal garantimos que o 100% da pesca que procesamos procede unicamente de métodos de pesca responsábel. A nosa misión como compañía é coidar do mar e de quen viven del, desenvolvendo produtos saborosos e 100% sustentábeis”.