“Galicia: máis de 17.000 xigavatios anuais de eólica mariña”- Antón Luaces

Curiosamente, as vantaxes da eólica mariña que as empresas hidroeléctricas queren instalar en polo menos tres puntos moi concretos de Galicia, radicaban -é posible que xa non tanto- en facilitar 17.000 xigavatios anuais dos que serían directamente beneficiarias dúas das industrias que nas provincias de Lugo e A Coruña consumen importantes cantidades de electricidade e cuxo futuro está no aire: Alcoa.

Segundo un informe do GOE (Galician Offshore Energy Group) os enclaves máis axeitados para a instalación nas costas de Galicia dos parques eólicos mariños e os seus respectivos aeroxeradores son: Val Miñor-Atios, Punta Langosteira-Sabón e A Mariña-Xove, onde existen importantes caladoiros de especies moi comerciais para a frota de baixura galega. Isto supón, a priori, un hándicap importante á hora de facer compatible ambas as producións.

O mesmo estudo do GOE considera que é viable a instalación en todas as áreas citadas dos parques de aeroxeradores eólicos mariños até os 38 quilómetros da costa e “sendo sempre prioritaria a instalación a partir de 8 quilómetros para evitar a visibilidade desde terra” das torres e as aspas dos que os mariñeiros galegos denominan “muíños de vento” no mar.

A pesca e a protección do medio ambiente son os principais obstáculos para as eólicas en Galicia, algo que hai anos xa se evidenciou no Golfo de Cádiz con protestas xeneralizadas polos danos que poderían ocasionar á pesca os novos sistemas de comunicación submarina co norte de África. Canto máis se se trata de aeroxeradores e a maraña de cables e tubaxes, así mesmo submarinos, para o transporte da electricidade xerada nas turbinas, entre as torres e os receptores en terra, que dificultarían en gran medida o desenvolvemento das faenas da pesca nas inmediacións dos parques.

Por este motivo, considérase no GOE que a aplicación en Galicia da tecnoloxía eólica mariña debe exporse “desde o respecto, o equilibrio e a compatibilidade coas actividades pesqueiras e coa preservación do ecosistema mariño”, tal e como recollía en ABC Natalia Sequeiro.

A media de vida dun parque eólico é de 20 anos, en terra. Menos, obviamente, no mar. Os seus principais efectos negativos percíbenos en terra as aves e os morcegos, ademais dos seres humanos residentes nas proximidades deses parques xa que lles que provoca problemas de calidade de vida. Se isto é así, que se pode dicir das poboacións de peixes, os pescadores e mariscadores que, necesariamente, han de realizar as súas funcións a non moita distancia dos aeroxeradores?.

Confrarías de pescadores e ecoloxistas andaluces argumentan danos á pesca, en concreto ao lagostino, e dificultades provocadas polos cables que transportan a produción eléctrica.

En Holanda. Alemaña, Reino Unido e Dinamarca, países europeos con potentes parques eólicos mariños en pleno desenvolvemento, confían en que os aeroxeradores e as bases das torres acaben por converterse en criadeiros que aumentan mesmo as poboacións de peces.

A optimización da rede de transporte da produción eléctrica e a distribución “asegurada” de tal produción dada a existencia na Comunidade galega de empresas que son grandes consumidoras, como as xa citadas de Alcoa, na Mariña lucense, e a tamén Alcoa na Coruña, provincia esta que ten previsto situar proximamente nas inmediacións do parque de Langosteira-Sabón as instalacións do porto petroleiro da única refinaría de petróleos existente en Galicia.

Son, pois, os beneficios económicos o principal atractivo das empresas eléctricas que aspiran a ser as concesionarias destes parques que o Parlamento de Galicia rexeitou por unanimidade en 2009. Agora, concretamente o pasado día 26 de maio de 2021, a Cámara galega aprobaba cos votos a favor do PP e o PSdeG -co rexeitamento do BNG- unha proposición non de lei do Grupo Popular que ten como obxectivo promover e dinamizar o desenvolvemento da eólica mariña en augas galegas. Un acordo no que se insta á Xunta a promocionar o coñecemento e a posta en marcha da tecnoloxía para implantar parques eólicos en alta mar e avaliar o asentamento de parques na contorna marítima contigua sempre que se garanta “que non se cause dano ás actividades pesqueiras e a preservación do ecosistema mariño”.

É unha enerxía limpa, é dicir, non contaminante. É renovable e inesgotable, e o maior recurso da terra (até o dobre que un parque terrestre medio). En Galicia aproveita o vento -do mesmo xeito que en terra- para producir electricidade. Os parques mariños constrúense habitualmente en zonas dunha profundidade inferior aos 60 metros, o que parece contradicir inicialmente esa formulación da Xunta de separar da costa os aeroxeradores para que estes non se visualicen. De ser así, eses 60 metros de profundidade sinalados alcanzaranse a moi pouca distancia da costa. Ademais, en teoría, hanse de evitar os espazos de especial interese ambiental e as rutas dos peixes, aspectos que engaden dificultades para a localización do mencionados tres parques a instalar na Comunidade galega.

É, como se indica, a forza do vento a que fai virar as aspas do aeroxerador mariño. Estas aspas están conectadas a unha turbina. A enerxía cinética (a que posúe un corpo en movemento relativo) transfórmase en electricidade e chega ao interior da torre onde se converte de continua a alterna e distribúese por medio de cables submarinos ás estacións. Convértese en corrente de alta voltaxe e é transportada garantindo a subministración de poboacións próximas e as súas industrias.

No ano 2035 España poderá contar con aeroxeradores mariños en toda a súa costa e xerar até 25.000 megawatts de potencia ao ano. Con iso evitaríase a emisión de 25 millóns de toneladas de dióxido de carbono á atmosfera.

A potencia eólica mariña instalada en Europa alcanzou os 22 xigavatios en 2019. Nas costas europeas hai 5.047 aeroxeradores repartidos en 60 parques eólicos de 12 países. A distancia media deses parques coa costa é de 59 quilómetros.

Para lograr os obxectivos de descarbonización, a Comisión Europea estima necesarios entre 230 e 450 xigavatios de potencia instalada de eólica mariña en 2050. Deste xeito cubriríase un 30% da demanda enerxética de toda Europa. Nesa data España podería ter unha capacidade instalada de 13 xigavatios.

Os aeroxeradores instalados en terra en Galicia non cobren a perda de potencia instalada debido ao peche das centrais térmicas de carbón, que se estima pode ser de aproximadamente dous xigavatios. Suplir esa capacidade de xeración aínda non está nas posibilidades dos muíños de vento terrestres. A eólica mariña céntrase na baixa densidade coa instalación de 1,5 xigavatios (a mesma que tiña a planta das Pontes); pero na densidade media podería alcanzar os 4 xigavatios, potencia instalada que duplicaría a producida conxuntamente polas Pontes e Meirama.

A instalación de aeroxeradores no mar podería supor a creación de 5.000 empregos directos até o ano 2030 e producir 17.000 xigavatios ao ano, se se opta pola densidade media.

As cifras, mareantes, non deben facer que se perda de vista a repercusión da instalación próxima á costa galega dese tres parques eólicos mariños, dous deles -os da Mariña e Langosteira- moi produtivos para o sector de baixura e de artes varias, dos que viven ao redor de 2.800 ou 3.000 mariñeiros.