Galicia acolle a travesía naútica xacobea “Navega o Camiño” con sete etapas por distintos portos entre eles Portosín

10 Xuño 2021

Un dos fitos máis importantes da travesía producirase o próximo xoves 17 de xuño, día no que se atoparán no Real Club Náutico de Portosín os barcos que realizan esta peregrinación por mar desde o inicio e os integrantes da frota participante nunha ruta paralela que ten como punto de partida o porto de Baiona.

Portosín Real Club Naútico

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou esta tarde no acto de inicio en Galicia da travesía náutica xacobea Navega o Camiño, unha vertente galega desta peregrinación por mar que comeza mañá no peirao de Ribadeo e que conta con sete etapas que rematan o próximo 19 de xuño coa chegada a pé a Santiago de Compostela. A titular de Mar salientou a importancia desta iniciativa para promocionar Galicia no exterior pois permite dar visibilidade ao Camiño de Santiago por mar e contribúe a impulsar a náutica de lecer e a optimizar a explotación das instalacións
náutico-recreativas da comunidade.
A representante do Executivo galego lembrou que o Xacobeo 21-22 é unha oportunidade única para reactivar o turismo náutico, un sector moi castigado pola pandemia da covid-19 e recuperar pouco a pouco os niveis de actividade de previos á alerta sanitaria. “Galicia é un destino seguro por terra e por mar e esta é unha mostra máis”, subliñou Rosa Quintana.
O acto tamén serviu para descubrir no peirao de Ribadeo a primeira das 28 mouteiras que identifican aos portos de titularidade autonómica designados como portos xacobeos co obxectivo de chamar a atención dos navegantes internacionais para que recalen na costa galega. A eles poderán sumarse tamén outros portos de titularidade estatal ou embarcadoiros dependentes dos concellos se así o desexan.

Estas mouteiras -que consisten nun banco con forma de onda fabricado en formigón armado branco e co nome do porto en que se coloca- inclúen unha nota sobre a orixe do peirao e a súa actividade histórica baseada no estudo do investigador do Consello Superior de Investigacións Cientíticas (CSIC) e doutor de Historia Medieval da
Universidade de Vigo Francisco Javier Pérez Rodríguez.
O deseño deste indicador, realizado polo arquitecto Lucas Díaz, pretende evocar o perfil costeiro de Galicia, as montañas e os ríos que conflúen no mar ou os propios camiños que entran na comunidade con curvas sinuosas para adaptarse á orografía co obxectivo de que sexa un sinal de identidade do Camiño por mar.
A representante do Executivo galego, que estivo acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, salientou tamén que unha das novidades desta sexta edición da travesía Navega o Camiño é o feito de que un dos barcos que participan -no que navegarán tanto ela como a presidenta de Portos de Galicia na etapa de mañá- conta
cunha tripulación amplamente feminina coa campioa olímpica Ángela Pumariega como patroa. “Trátase dunha oportunidade única para darlle visibilidade ao gran labor das mulleres neste eido e co que reivindicar o papel da muller no mar e na práctica náutico- deportiva”, explicou Rosa Quintana.

Ruta Navega o Camiño A travesía náutica xacobea Navega o Camiño comeza mañá e remata o 19 de xuño tras
sete etapas por distintos portos da comunidade que van desde Ribadeo ata o río Ulla para chegar a Padrón en catamarán e completar a pé o último tramo do camiño ata Santiago. A participación é libre, sen necesidade de inscrición, pois os navegantes que queiran unirse só teñen que reservar a súa praza de tránsito no porto no que fagan escala.
A frota que participa nesta acción está formada polos barcos das asociacións organizadoras -NorthMarinas, Asnauga e Mariñas de Galicia-, por unha embarcación de vela adaptada coordinada pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) e o barco oficial da Xunta no que viaxarán xornalistas especializados en turismo de medios nacionais e europeos co fin de promocionar os portos galegos no contexto do Xacobeo 2021-2022. Entre as unidades fretadas pola organización atópase o tripulado pola olímpica Ángela Pumariega.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Armarse para la paz por miedo al invasor Putin”. Manuel Velo

“Armarse para la paz por miedo al invasor Putin”. Manuel Velo

Después de cientos de años no aprendemos nada y seguimos la misma dinámica de guerras, en vez de llegar a acuerdos para construir en vez de destruir. Parece una contradicción que haya que armarse para la paz por miedo al invasor como Putin. Cuanto más poder tienen más...