Declaración Institucional do Concello da Pobra con respecto a medidas de prevención a pandemia da COVID-19

01 Xuño 2021

O Concello da Pobra pide a Sanidade que as restricións máximas non impliquen o peche da hostalería.

Os grupos políticos con representación na Corporación Municipal do Concello da Pobra (Nós Pobra, PP, PSdeG-PSOE e BNG) presentan a seguinte: 

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL 

A pandemia causada pola Covid-19 durante máis dun ano ten provocado efectos moi negativos na nosa sociedade. En primeiro lugar e por riba de calquera outra consideración, o falecemento de moitas persoas por mor do coronavirus e outras gravemente afectadas pola enfermidade, é o que máis debemos lamentar e expresar a nosa solidariedade coas familias que soportan esta dor. A saúde das persoas tamén se ve afectada a nivel psicolóxico polo deterioro das súas relacions sociais. 

Pero as consecuencias das medidas de prevención que foi necesario establecer teñen un impacto moi negativo a nivel socio-económico. Numerosas son as actividades que se viron afectadas durante moito tempo, algunhas incluso con peche total ao longo de todo este período no que a Covid-19 segue activa. Pero un dos sectores máis importantes na economía galega, tan vinculada ao turismo, o da hostalería, leva sufrindo continuos cambios na normativa e nas medidas de prevención que se lle aplican, sucedéndose nalgúns concellos peches parciais e totais, co interior en uso ou clausurado, coa posibilidade de abrir empregando só a terraza ou o servizo a domicilio ou produto para levar, segundo os casos. Por non mencionar o ocio nocturno que non tivo opción ata o de agora. As esixencias sobre o sector incrementáronse cada vez máis, comezando coa obrigación da desinfección e uso da máscara, xa admitido fai tempo pola sociedade, así como a limitación da cabida máxima tanto no interior como no exterior, ata chegar ao Plan da Hostalería Segura, que contempla novas indicacións que deben seguir obrigatoriamente, como a instalación de medidores de dióxido de carbono ou a colocación nun lugar visible dun cartel explicativo da cabida máxima do establecemento, entre outras. A pesar de todo iso, os cambios nos niveis de restrición que afectan a un concello seguen levando aparellados modificacións nas posibilidades de apertura dos locais da hostalería, e seguen sendo as mesmas agora no mes de xuño que noutros momentos nos que a incidencia era moito maior. 

Por outra banda, os cambios de nivel de restrición aos que se someten os concellos galegos non son entendidos pola poboación. É comprensible que o comité clínico empregue unha multiplicidade de criterios para decidir o nivel apropiado a cada situación. Pero isto provoca unha falta de entendemento e unha incomprensión por parte da sociedade que deriva en malestar e receo cara as autoridades sanitarias e políticas. Cando non se pode explicar de maneira doada cales son as razóns para os cambios de nivel, a reacción da poboación non é positiva e a súa indignación provoca desconfianza que leva ao rexeitamento das medidas e á dificultade para a súa aplicación. 

Tamén se está a producir un retraso nada recomendable entre o momento no que se decide o cambio de nivel e o momento a partir do cal se aplica o novo nivel de restrición, que chega a ser de tres días. É preciso axilizar os cambios e adoptalos da maneira mais inmediata posible, pois chegan a darse situacións nas que un concello sube de nivel cando xa está en tendencia decrecente na evolución do número de casos. 

A evolución da pandemia está sendo moi favorable en toda Galicia e no estado español, o descenso no número de casos é significativo con respecto aos peores meses da pandemia. Da mesma maneira a ocupación hospitalaria por persoas enfermas de Covid-19 reduciuse de maneira sensible, afastándose considerablemente do risco de colapso dos servizos sanitarios. Pero ademais estanse producindo grandes avances na vacinación, con case 700.000 persoas coa pauta completa na nosa comunidade. A maioría dos grupos de risco, tanto por idade como por actividade están vacinados. O estado de alarma xa non está vixente e estúdase xa a posibilidade da non obrigatoriedade da máscara en espazos abertos. 

Por todo o anterior, solicitamos que ese comité clínico teña en conta as seguintes peticións: 

1. Que se revisen as medidas de prevención que se establecen nos diferentes niveis de 

restrición e que significan o peche de negocios e empresas. Nomeadamente no caso da hostalería que se rebaixen as medidas, desbotando o peche total en calquera nivel e autorizando sempre unha parte tanto do interior como do exterior dos 

establecementos. 2. Que os cambios de nivel de restrición dos concellos se establezan de maneira 

obxectiva, mediante a valoración de dous únicos parámetros: a incidencia acumulada a 7 e 14 días, que deberán superarse os dous a un tempo para subir de nivel, e da mesma maneira deberán situarse por debaixo do límite os dous a un tempo para baixar de nivel, seguindo os límites xa coñecidos e aplicados ata o de agora: 250 a 7 días e 500 a 14 días para o nivel de restrición máxima, 125 a 7 días e 250 a 14 días para o nivel de restrición alta, etc. En todo caso calquera outro criterio que se empregue  debe ser obxectivo e darse a coñecer á cidadanía. 3. Que se apliquen os niveis de restrición aprobados da maneira máis inmediata posible. 

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Armarse para la paz por miedo al invasor Putin”. Manuel Velo

“Armarse para la paz por miedo al invasor Putin”. Manuel Velo

Después de cientos de años no aprendemos nada y seguimos la misma dinámica de guerras, en vez de llegar a acuerdos para construir en vez de destruir. Parece una contradicción que haya que armarse para la paz por miedo al invasor como Putin. Cuanto más poder tienen más...