Chega con San Xoán o 23 da nosa revista mensual gratuíta “O Barbanza”

Con San Xoán chega unha nova edición da nosa revista mensual O Barbanza. Un número que está a ser distribuído de balde nos concellos de Ribeira, A Pobra, Boiro, Rianxo, O Son, Noia, Lousame, Outes e Dodro. A publicación na súa edición dixital, pode amais descargarse de balde a través do enlace de pdf ou ver nas tablets ou móbiles.

Este número aborda a reactivación do turístico na comarca nestes inicios de verán, informamos tamén de como botarnos ao mar do Barbanza dende os nosos portos, coas distintas alternativas de rutas en barcos ás illas e pola ría. No eido turístico incluímos nestas páxinas, agora que chega a tempada estival, algúns dos areais máis destacados da nosa comarca e  achegamos múltiples opcións para coñecer o litoral. e neste tempo estival as viaxes son as grandes protagonistas e que mellor que coñecer as novas vantaxes para a mobilidade dos mozos galegos cunha iniciativa de gratuidade do transporte interurbano para menores de 21 anos en toda Galicia.

Traemos a cultura para dar a benvida ao verán coa axenda de actividades na comarca que é de todo menos breve, e entrevistamos a Francisco Antonio Vidal, Premio Laudamuco de Teatro, e como estamos no mes de xuño, os nosos Concellos súmanse á nova campaña da Deputación a prol das diversidades sexuais ás que tamén se une Ribeira que celebrará o Día do Orgullo LGTBIQ+ cun completo programa de actividades entre o luns 28 e o sábado 3 de xullo.

A potenciación do comercio local e as actividades polo medio mariño coa iniciativa de CONGALSA que co seu equipo celebraron con obradoiros de sustentabilidade do Día do Medio Ambiente e as novas mais salientables completan as nosas páxinas deste número de xuño da edición impresa de O Barbanza. 

Son só algunhas das moitas reportaxes que traen as páxinas de O Barbanza que coma sempre cunha tirada de seis mil exemplares, está a ser repartido xa de balde en tódolos concellos da comarca e pódese descargar ou ver en pdf na web “obarbanza.gal” ou solicitala por email a  lectores@obarbanza.gal. Por certo a nosa web de novas acadou o mes de maio os 2.1641 usuarios distintos/día e ronda xa os 1.770 seareiros en facebook que reciben as novas puntualmente, sen esquecer outros tantos nas nosas redes twitter, instagram  e RSS e como non os que reciben o noso boletín diario de balde co resume das novas do día.